Anafilotoxina
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
As anafilotoxinas[2][3], ou anafilatoxinas[4], tamén chamadas péptidos do complemento, son os fragmentos peptídicos C3a, C4a e C5a, que se producen como parte da activación do sistema do complemento (que causa a lise de bacterias invasoras).[5] Os compoñentes do complemento C3, C4 e C5 son grandes glicoproteínas que teñen importantes funcións na resposta inmune e na defensa do hóspede.[6] Posúen unha gran variedade de actividades biolóxicas e son activadas proteoliticamente por clivaxe (corte) en sitios específicos, formando fragmentos chamados a e b.[7] Os fragmentos a forman dominios estruturais característicos de aproximadamente 76 aminoácidos, codificados por un só exón do xene da proteína do complemento. Os compoñentes C3a, C4a e C5a son os que se denominan anafilotoxinas ou anafilatoxinas.[7][8] Causan a contracción do músculo liso, liberación de histamina por parte dos mastocitos, e aumento da permeabilidade vascular.[8] Tamén median na quimiotaxe, inflamación, e xeración de radicais do oxíxeno citotóxicos.[8] Estas proteínas son moi hidrófilas, cunha estrutura principalmente en hélice alfa e con 3 pontes disulfuro.[8]
Remove ads
Funcións
As anafilotoxinas poden desencadear a desgranulación (liberación de substancias almacenadas en gránulos) das células endoteliais, mastocitos ou fagocitos, que produce respostas inflamatorias locais. Se a desgranulación está moi estendida pode causar unha síndrome similar ao choque anafiláctico das reaccións alérxicas máis fortes.
As anafilotoxinas median indirectamente nos seguintes fenómenos:
- Contracción das células do músculo liso, orixinando, por exemplo, broncoespasmos.
- Incremento da permeabilidade dos capilares sanguíneos.
- Quimiotaxe. Movemento mediado por receptor dos leucocitos na dirección en que se incrementa a concentración de anafilotoxinas.
Remove ads
Exemplos
Anafilotoxinas importantes:
- C5a ten a actividade biolóxica específica máis alta e pode actuar directamente sobre os neutrófilos e monocitos para acelerar a fagocitose de patóxenos.
- C3a funciona con C5a activando a mastocitos, recrutando anticorpos, o complemento e células fagocíticas e incrementando o fluído extracelular nos tecidos, todo o cal contribúe á iniciación da resposta inmunitaria adaptativa.
- C4a é a anafilotoxina menos activa.
Remove ads
Terminoloxía
Aínda que algunhas drogas (morfina, codeína, ACTH sintética) e algúns neurotransmisores (noradrenalina, substancia P) son importantes mediadores da desgranulación dos mastocitos e basófilos, estas substancias non se denominan xeralmente anafilotoxinas. O termo resérvase normalmente aos fragmentos do sistema do complemento.
Proteínas humanas que conteñen este dominio
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads
