From Wikipedia, the free encyclopedia
Ameenah Gurib-Fakim, nada en Surinam o 17 de outubro de 1959, é unha química e política mauriciana, que foi presidenta da República entre o 5 de xuño de 2015 e o 23 de marzo de 2018.
Medrou coa súa familia en Plaine Magnien e realizou os estudos primarios na escola de Saint-Patrice e os secundarios en Mahébourg Loreto. Os seus estudos universitarios fíxoos en Inglaterra, primeiro realizou un grao en química na Universidade de Surrey en 1983 e o doutoramento en química orgánica na Universidade de Exeter. En 1987 volveu ao seu país e traballou na Universidade de Mauricio[1], primeiro deu clases na facultade de agricultura e en 1991 pasou á facultade de ciencias. Entre 1987 e 1992 dirixiu a primeira investigación rexional para o inventario e estudo das plantas medicinais e aromáticas do océano Índico.[2] Dende 2001 é catedrática de química orgánica na facultade de ciencias da Universidade de Mauricio. Foi decana da facultade de ciencias (2004-2006) e entre 2011 e 2015 foi directora do Centre for Phytotherapy Research (CEPHYR), un laboratorio privado. Autora dunha numerosa obra, tanto libros como artigos científicos, sobre química e en especial sobre conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentable.
No ano 2014 o goberno chegou a un acordo político para elixir o presidente e o 29 de maio de 2015 conforme ese pacto o presidente Kailash Purryag renunciou[3]. O 4 de xuño a Asemblea Nacional elixiu por unanimidade a, Ameenah Gurib-Fakim[4], a primeira presidenta mauriciana de pleno dereito, aínda que Monique Ohsan Bellepeau xa o fora antes de xeito interino[5].
En marzo de 2018 o xornal L'Express publicou documentos bancarios que demostrarían que a presidenta utilizara para fins persoais ao longo de 2016 un cartón bancario remitido pola ONG Planet Earth Institute, do millonario angolano Álvaro Sobrinho[6]. O 9 de marzo o primeiro ministro Pravind Jugnauth anunciou á prensa que a presidenta Gurib-Fakim renunciaría ás súas funcións pouco despois das celebracións do 50 aniversario da independencia do 12 de marzo e antes do comezo das sesións parlamentarias fixadas para o remate do mes[7]. Así e todo, o 14 de marzo, a presidenta mauriciana anunciou que se mantería no posto, rexeitando todas as acusacións[8]. Mais finalmente, presentou a súa renuncia o 17, con efecto o 23, asumindo o posto interinamente o vicepresidente Barlen Vyapoory[9].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.