estudante dun centro de ensino From Wikipedia, the free encyclopedia
O alumnado (do latínalumnum derivado da palabra alere, que significa alimentar e "alimentarse desde o alto"), é o conxunto de xente que aprende doutras persoas. Esta definición contraponse ó significado de "alumno" como "carente de luz", moitas veces usado en forma errónea.
Dise de calquera persoa respecto doutra que a educa ou instrúe.[1] Somos alumnado durante toda a nosa vida porque a esencia é estar aprendendo doutro, e non se deixa de aprender doutras persoas durante toda a vida. Somos alumnos e alumnas das persoas que nos ensinan, independentemente da súa idade. Deste xeito, un pode ser alumno ou alumna doutra persoa máis nova como se produce por exemplo nos procesos de educación de persoas adultas. O conxunto de alumnos e alumnas agrupados chámase clase.
De feito, o termo xeneralízase en estudante ou aprendiz. Tamén son alumnado os discípulos ou pupilos respecto do seu mestre ou mestra da materia que aprende, ou da escola, colexio ou universidade onde estuda. A palabra estudante utilízase máis ben para niveis superiores polo que o estudantado pertence ao alumnado. Tamén poden usarse como sinónimos segundo o nivel educativo párvulo, escolar, colexial ou universitario. educando ou discente.
Segundo a relación co centro
Hai alumnado oficial que segue o ensino nas escolas, institutos, universidades e demais centros de formación, incluídos os seus sitios virtuais, con obrigatoriedade de asistir a clase, ou acreditar os traballos mandados.
Hai alumnado libre que non cursa estudos en centros do estado, nin en colexios recoñecidos ou sitios virtuais autorizados e debe examinarse ante os tribunais dos centros oficiais.
Existe tamén a figura do alumnado oínte aquel que obtén do decanato ou dalgún catedrático ou catedrática a autorización para asistir ás clases e prácticas do alumnado oficial simplemente para aprender, ou ben, para examinarse logo en calidade de alumnado libre.
Alumnado colexiado é o que recibe ensinanza nun colexio ou centro recoñecido.
Segundo as horas de permanencia no centro
Alumnado externo é o que só permanece no centro de ensino durante as horas de clase.
Alumnado interno é aquel que vive no establecemento onde recibe a ensinanza (residencia de estudantes, colexios maiores, universidades laborais...).
Alumnado mediopensionista é o que permanece no centro de ensino durante toda a xornada escolar, almorzando nel, pero regresando á súa casa para pernoctar. Estes alumnos e alumnas tamén son coñecidos como pupilos, e na maioría dos colexios, escolas e institutos ofrécense estes servizos.
Segundo a etapa formativa
Alumnado non universitario é o que está escolarizado nos niveis previos á universidade.
Alumnado universitario é o que está cursando estudos na universidade.
Segundo outros trazos
Alumnado bolseiro é o que recibiu unha bolsa para pagar os estudos, o material didáctico, os desprazamentos, a estancia e/ou a manutención.
Alumnado con discapacidade é o que ten unha discapacidade. En España, se teñen unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, contan con matrícula gratuíta.
Alumnado con altas capacidades é o que ten capacidades intelectuais diagnosticadas como destacadas respecto da poboación xeral.
Alumnado con necesidades educativas especiais é o que ten necesidades específicas que requiren axudas, apoios ou adaptacións dos procesos de aprendizaxe.
Segundo o grao de presencialidade
Alumnado presencial é o que asiste ás aulas durante todo o horario de ensino, normalmente 4 ou 5 días á semana.
Alumnado semipresencial é o que asiste ás aulas en períodos reducidos, por exemplo, un ou dous días á semana e realiza o resto da actividade fóra das aulas. Unha formulación moderna desta tendencia son as aulas invertidas (inglés flipped classroom).
Alumnado non presencialou a distancia é o que non ten aulas habitualmente, aínda que poden ter que realizar tarefas específicas presencialmente como as prácticas de laboratorio, as prácticas en centros de traballo ou os exames. Unha forma moderna desta modalidade é a aprendizaxe/ensino/educación en liña, electrónica, dixital ou virtual (inglés elearning). É aquí onde están presentes con moita forza as chamadas TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación), que permiten ao alumnado maior flexibilidade no tempo e no espazo para desenvolver o seu proceso de ensino - aprendizaxe.
O alumnado organízase en asociacións para a defensa dos seus dereitos e a realización de actividades.
O absentismo (abandono ou deserción) é a situación do alumnado que non acode regularmente ao centro ou mesmo abandona a escolaridade aínda que a súa escolarización sexa presencial e, por tanto, requira asistencia sobre todo nas etapas de educación obrigatoria. En España, o Informe PISA indicaba que alcanzaba até o 28% no último curso de Educación Secundaria Obrigatoria en 2012 e, en xeral, requiren intervencións organizadas dos docentes, centros e autoridades locais.[2]