autor francés de banda deseñada From Wikipedia, the free encyclopedia
Albert Uderzo, nado en Fismes o 25 de abril de 1927 e finado en Neuilly-sur-Seine o 24 de marzo de 2020[1], foi un debuxante e, posteriormente, guionista de historietas francés. A súa serie de maior sona é "Astérix", creada en 1959 co guionista René Goscinny[2].
Uderzo naceu en Normandía, ao pouco de trasladarse alí os seus pais dende Italia[3]. Tomou o seu nome do pobo italiano de Oderzo (anteriormente chamado Uderzo), de onde procedía a súa familia. De neno soñaba con converterse en mecánico de avións, malia o seu talento artístico a moi curta idade. Naceu daltónico, e con dous dedos extra, que lle foron extirpados cirurxicamente. A súa vista mellorou moito dende entón.
Durante a segunda guerra mundial, o mozo Uderzo abandonou París e pasou un ano na Bretaña, ao oeste de Francia, traballando nunha granxa e axudando co negocio de mobles do seu pai. Moitos anos despois, cando Goscinny deixou a decisión de situar a aldea de Astérix nas súas mans, Uderzo elixiu rapidamente Bretaña.
Trala guerra, iniciou unha exitosa carreira como debuxante en París, creando personaxes como Flamberge e Clopinard, un homiño dunha soa perna que sempre triunfa contra todo prognóstico. Entre 1947 e 1948 crea outros cómics, como Belloy e Arys Buck. En 1950, debuxou varios episodios do personaxe de orixe británica Capitán Marvel Jr. para a revista Bravo!.
Tras uns cantos anos doutras creacións e viaxes, coñeceu a René Goscinny en 1951, facéndose amigos rapidamente, e decidindo colaborar xuntos na nova oficina parisiense da compañía belga World Press en 1952. A súa primeira creación foi Jehan Pistolet. En 1958 comezan o seu traballo en Oumpah-pah (que duraría ata 1962), así como algunhas outras series. En 1959 Goscinny e Uderzo convértense en editor e director artístico, respectivamente, da nova revista Pilote, dirixida a nenos maiores. No primeiro número aparecía por primeira vez Astérix no mercado francés, sendo un inmediato éxito.
Inicialmente trátase dun serial máis dentro de Pilote, pero en 1961 publicouse o primeiro álbum autónomo, Astérix o Galo. Para 1967, o cómic fíxose tan popular que os seus autores decidiron dedicarse en exclusiva a el, producindo uns dous álbums ao ano. Trala morte de Goscinny en 1977, Uderzo fíxose cargo ademais do guión, o que fixo que a produción se fixese moito máis lenta, aproximadamente un álbum cada catro anos. Malia iso, os créditos de cuberta seguen declarando os novos álbums como obra de "Goscinny e Uderzo".
A editorial propiedade de Uderzo, Les Éditions Albert René, denunciou ante a xustiza alemá o uso por parte de certas compañías informáticas de nomes terminados en "ix" (habitual en compañías que traballan con variantes de Unix), xa que consideraban que estaban danando as súas marcas "Astérix" e "Obélix" (versión dunha das empresas demandadas).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.