Os Acantharea (Acantharia) son un grupo de protozoos radiolarios,[1] que se distinguen principalmente polos seus esqueletos. A categoría taxonómica que se lles outorga varía segundo as clasificacións. Son exclusivamente mariños, sobre todo de augas tropicais e subtropicais, pero tamén en mares máis fríos, e son de vida libre e de 0,005 mm a 5 mm de diámetro.[2] Aliméntanse de bacterias, diatomeas e outras algas planctónicas de similar tamaño e doutros protozoos e mesmo de pequenas larvas de animais. Algunhas albergan zooxantelas.[2]
Estrutura
A célula consta dun endoplasma central cos núcleos e orgánulos, e un ectoplasma periférico. Os esqueletos conteñen cristais de celestita (sulfato de estroncio),[3] que non fosilizan, e toman a forma de dez espiñas (axopodios) diametrais (que poden interpretarse como vinte espiñas radiais)[4]. A cápsula central está feita de microfibrilas dispostas formando vinte placas, cada unha cun buraco a través do cal se proxecta unha espiña, e hai tamén un córtex microfibrilar ligado ás espiñas por mionemas (que teñen mobilidade e cambian a forma e flotabilidade da célula). Estes axudan á flotación, xunto cos vacúolos do ectoplasma, que a miúdo conteñen zooxantelas.
Clasificación pola disposición das espiñas
A disposición das súas espiñas é moi precisa, e descríbese pola denominada lei de Müller[5]. É doada de describir en termos de liñas de latitude e lonxitude. Cada liña de lonxitude leva ou dúas espiñas tropicais ou unha ecuatorial e dúas espiñas polares, alternadamente. A forma na que as espiñas se unen entre si no centro da célula varía e é unha das características primarias polas cales se clasifican. Distínguense os seguintes tipos:
- Holacanthida: espiñas diametrais, simplemente cruzadas.
- Symphyacanthida: espiñas radiais, coas bases libres.
- Chaunacanthida: espiñas radiais, coas bases articuladas.
- Arthracanthida: espiñas radiais, coa bases piramidais empaquetadas xuntas.
Teñen un número fixo de axopodios.
Filoxenia
Segundo estudos filoxenéticos baseados no ADNr de 18S e parcial de ADNr de 28S seguramente existen 6 clados principais, subdivididos en 13 subclados. Teñen unha natureza polifilética e será necesario facer unha revisión taxonómica do grupo. As clasificacións tradicionais distinguen uns 50 xéneros e 150 especies, clasificados en 18 familias e 4 ordes: Holacanthida, Chaunacanthida, Symphiacanthida e Arthracanthida.[6]
Ciclo de vida
Os adultos son xeralmente multinucleados. Na reprodución obsérvase unha fase sexual por medio dun gamonte e teñen unha fase de enquistamento, o cal comprende a formación de células que se enxamian (antes denominadas "esporas"), que poden ser flaxeladas. Os quistes teñen unha cuberta mineralizada e caen a zonas profundas do mar.[7] Non se observaron todos os estadios do ciclo de vida, e o estudo destes organismos foi dificultado principalmente polo feito de que non se pode mantelos en cultivo en sucesivas xeracións.
Notas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.