especie de planta From Wikipedia, the free encyclopedia
A abeluria ou herba das feridas[1][2] (Hypericum perforatum), é unha herbácea europea, a especie máis abundante da familia das gutíferas (Guttiferae) ou hipericáceas (Hypericaceae). Cómpre non confundila coa dedaleira, que tamén recibe o nome de abeluria. Abunda en Galiza, sendo unha das herbas empregadas na noite de san Xoán.
Abeluria | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Hypericum perforatum L. |
Outras especies levan o nome de herba de San Xoán.
É unha planta común en terreos de baixa e media altura. Atópase practicamente en toda Europa, até o leste de Rusia. Aclimatouse en numerosas partes do mundo coma na China, Australia, Norte de África e as Américas.
O nome hipérico deriva do grego hyperikon ("sobre das imaxes" ou "por riba dunha aparición"). Para algúns, o nome fai referencia á propiedade que se lle atribuía de facer fuxir os espíritos e aparicións; por iso a xente acostumaba pendurar flores desta planta sobre as iconas relixiosas polo día de san Xoán, ademais de ser unha das herbas de san Xoán. Para outros, as glándulas dos seus pétalos semellan formar imaxes (a este feito déuselle moita importancia na Idade Media, xa que era utilizado nos exorcismos polas súas virtudes cabalísticas). O termo perforatum débese ás glándulas de óleo situadas nas súas follas e sépalos que lle dan á planta un aspecto furado, se se observa á luz reflectida.[3]
O nome vulgar herba de San Xoán fai referencia a que, ademais de florear no mes de xuño, era unha das herbas de san Xoán. Marcial Valladares Núñez en 1884 no seu Diccionario gallego-castellano, fala de dúas especies que reciben este nome: Hypericum quadrangulum e Hypericum perforatum (véxase Herbas de San Xoán).
Hipócrates recomendouna coma remedio refrescante e antiinflamatorio.
Dioscórides escribe o seguinte: O Hiperico, chamado Androsemo por uns, por outros Corio, e por outros Camepytis, que quere dicir Piñeiriño, porque a súa resina cheira á resina do piñeiro, é unha mata ramallosa, arrubiada e dun palmo de alta, que produce unhas follas coma as da ruda, e de flor amaella: que esmagada entre os dedos, bota un zume semellante ao sangue que se chamou Androsemo que significa sangue humano. Nace o hipérico en lugares cultivados e ásperos. Ten facultade de mover os ouriños e, aplicado por baixo,provoca o menstro. Bebido con viño, extermina as tertianas e mailas cuartás. A súa semente bebida por unha corentena de días, cura a ciática e as follas coa semente aplicadas en forma de emplastro, sandan as queimaduras do lume[3]
En Galiza aparece nos primeiros dicionarios botánicos co nome de Herba de San Jôan: Juan Cuveiro Piñol no seu Diccionario Gallego, Barcelona, 1876 fala da planta. Tamén Marcial Valladares Núñez xa falaba dela en 1884 no seu Diccionario gallego-castellano, Santiago[4].
É un arbusto orixinario de Europa, que se ten naturalizado nas Américas. Os pétalos da flor son de cor amarela dourada, con pequenas tachas negras nos seus bordos, o apelativo latino perforatum provén dos buratiños -en realidade son saquetas de óleo esencial- que poden verse á luz reflectida en cada unha das follas desta planta. Son o dobre de longos ca os sépalos. Unha peculiaridade desta herba é que, ao esmagar entre os dedos algunha das súas follas, o zume alaranxado deixa unha mácula na pel.
En Australia e nos Estados Unidos considérase má herba ou especie invasora e se combate por medio de controis biolóxicos tales como os escaravellos do xénero Chrysolina, que se especializan nesta planta.[5][6]
Hypericum perforatum é ademais unha planta medicinal con múltiples aplicacións. Por exemplo, a súa aplicación tópica serve para acelerar a cicatrización das feridas.
Porén, as propiedades desta herba que máis atraen aos investigadores vincúlase co uso tradicional para o tratamento da depresión leve a moderada.[7] Esta indicación foi validada nas últimas décadas polas axencias de saúde dalgúns países como Alemaña, onde se incluíu na farmacopea oficial, e prescríbese amplamente con ese propósito terapéutico.[8]
Cando a abeluria se emprega coma menciña fitoterapéutica, xeralmente se administra en forma de extractos estandarizados, con concentracións fixas dos principios activos aos cales se atribúen os efectos farmacolóxicos; estímase que o máis importante destes é a hipericina, aínda que estudos recentes reportan unha maior actividade da hiperforina.[9][10] Esta conclusión baséase fundamentalmente nun ensaio con resultado negativo levado a cabo polo Centro Nacional de Medicina Complementaria e Alternativa dos Estados Unidos.[11][12][13][14]
Para este fin (tratamento da depresión), a herba de San Xoán pode conseguirse en diversas presentacións: como herba, como pastilla ou cápsula, en bolsas de té ou en tinturas.
A administración dos extractos desta herba é motivo de debate. Aínda que existe evidencia limitada que suxestiona a súa eficacia e seguranza, non ten sido avaliada sistematicamente respecto da incidencia de efectos secundarios e interaccións con outras drogas, cos riscos que isto comporta. Con todo, menciónase que, no caso dalgúns tratamentos, reduce o seu efecto coma nos tratamentos antirretrovirais para persoas con VIH.
Considérase un axente primario da fotosensibilización en bovinos, nos que a hipericina se acumula no tecido subcutáneo e reacciona coa luz solar, e provoca cadros de inflamación da derme, especialmente das partes menos pigmentadas, as que poden desprenderse do animal.
Como unha das herbas de san Xoán atribuíanselle propiedades medicinais e máxicas. Estaba considerada como unha planta especial contra o demo.
A herba de San Xoán limpa a cara de grans.
Hypericum perforatum designouse ao longo da historia con distintos nomes científicos, considerados sinónimos:
|
|
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.