Filme de 2006 dirixido por Martin Campbell From Wikipedia, the free encyclopedia
007 Casino Royale (en inglés: Casino Royale) é un filme de 2006, o vixésimo primeiro da serie de espionaxe de Eon Productions James Bond e o primeiro interpretado por Daniel Craig como o axente de ficción do MI6 James Bond. Dirixido por Martin Campbell e escrito por Neal Purvis e Robert Wade e mais Paul Haggis, a película marca a terceira adaptación para a pantalla da novela de Ian Fleming Casino Royale (1953) ambientada ao inicio da carreira de Bond como o Axente 007 e a súa licenza para matar. Despois de evitar un ataque terrorista no Aeroporto Internacional de Miami, Bond namórase de Vesper Lynd, a funcionaria do tesouro designada para fornecerlle dos cartos que precisa para a creba do terrorista financeiro, Le Chiffre, por medio dunha partida de póker. O arco da historia continúa nas seguintes películas de Bond Quantum of Solace (2008), Skyfall (2012) e Spectre (2015) .
007 Casino Royale | |
---|---|
Ficha técnica | |
Director | Martin Campbell |
Produtor | Michael G. Wilson Barbara Broccoli |
Guión | Neal Purvis Robert Wade Paul Haggis |
Baseado en | Casino Royale de Ian Fleming |
Intérpretes | Daniel Craig Eva Green Mads Mikkelsen Giancarlo Giannini |
Música | David Arnold |
Fotografía | Phil Meheux |
Montaxe | Stuart Baird |
Estudio | Eon Productions Stillking Films Babelsberg Film |
Distribuidora | Metro-Goldwyn-Mayer Columbia Pictures |
Estrea | 14 de novembro de 2006 |
Duración | 144 minutos |
Orixe | Reino Unido Estados Unidos República Checa Alemaña[1] Italia |
Orzamento | 150.000.000$ |
Recadación | 599.000.000[2] |
Filme anterior | Die Another Day |
Filme seguinte | Quantum of Solace |
Na rede | |
http://www.sonypictures.com/movies/casinoroyale/site | |
|
Casino Royale reinicia a serie, creando unha nova liña de tempo e a narrativa marco non debería preceder ou seguir calquera dos títulos anteriores[3][4], o que lle permite á película amosar un Bond menos experimentado e máis vulnerable[5]. Adicionalmente, por primeira volta desaparece totalmente o personaxe da señorita Moneypenny[6]. A selección de actores implicou a procura dun novo actor para interpretar a James Bond, e houbo controversia ao elixirse a Craig como sucesor de Pierce Brosnan en outubro de 2005. A rodaxe realizouse na República Checa, Bahamas, Italia e o Reino Unido. Os interiores construíronse nos estudios Barrandov e Pinewood. Aínda que parte da trama transcorre en Montenegro, non se filmou toma ningunha alí. Eon Productions produciu Casino Royale para Metro-Goldwyn-Mayer e Columbia Pictures, a primeira película de Bond producida por Eon e coproducida por Columbia
A estrea de Casino Royale foi no Odeon Leicester Square o 14 de novembro de 2006. Recibiu críticas positivas, salientando o papel de Craig na renovación do personaxe, e a saída dos tópicos dos anteriores filmes. Recadou case 600.000.000 de dólares en todo o mundo, a maior recadación dos filmes de James Bond ata Skyfall en 2012. Estreouse en galego na TVG o 5 de agosto de 2012[7] .
O novo James Bond gaña a súa licenza para matar e status como axente 00 ao asasinar ao traidor xefe de sección do MI6 Dryden na embaixada británica en Praga, así como ao seu contacto terrorista, Fisher, nunha casa de baño en Lahore. Mentres tanto, en Uganda, o Sr. White (Jesper Christensen) organizou unha xuntanza entre o banqueiro Le Chiffre (Mads Mikkelsen) mais o guerrilleiro Obanno (Isaach De Bankolé), quen só quere protexer os seus fondos monetarios; a pesar de que Chiffre lle asegure que «non hai perigo ningún na carteira de investimentos», o certo é que son de moito risco, ao realizar vendas ao descuberto de empresas para despois financiar atentados terroristas para afundir as súas accións e mercalas logo a prezos máis baixos.
M, xefe do MI6, manda a Bond na súa primeira misión como 007 a Madagascar, co obxectivo de perseguir un fabricante de bombas de nome Mollaka. Despois dunha persecución parkour ata a embaixada de Nanbuto, Bond mátao e fai que estoupe parte do edificio para escapar. Por medio do móbil de Mollaka sabe que recibiu chamadas de Alex Dimitrios, socio de Le Chiffre, que reside nas Bahamas. Bond viaxa ata Nassau e seduce a esposa de Dimitrios, Solange. Entrementres atendía unha chamada, Solange revela que o seu marido vai para Miami. Bond sae tras del. En Miami, 007 mata a Dimitrios e despois segue o gardacostas de Le Chiffre, Carlos, ata o Aeroporto Internacional de Miami. E alí, Bond frustra o plan de Le Chiffre de destruíir o prototipo de avión desenvolvido por Skyfleet ao conseguir prender a bomba en Carlos, deixando o banqueiro cunha enorme perda polo que organiza no Casino Royale de Montenegro un torneo de póker con altas apostas. Confiando que nun eventual fracaso, o banquero tería que acollerse á protección do goberno británico para salvagardar a súa integridade dos irados acredores M (Judi Dench) inscribe a Bond no torneo. Cando chega 007 xúntase co seu contacto René Mathis (Giancarlo Giannini), e coa axente do tesouro británica, Vesper Lynd (Eva Green), encargada de evitar que o gasto ao longo do torneo non supere o límite axustado. Tras algunhas partidas, Chiffre torna ao seu apartamento, e el mais a súa noiva Valenka (Ivana Miličević) sofren as ameazas do guerrilleiro Obanno, que lle reclama os cartos prometidos. Obanno e mais o seu secuaz atópanse con Bond e Vesper que oíran os berros de Valenka e o 007 enfróntase aos dous e mátaos, de xeito que ao día seguinte Mathis usa os seus cadáveres para culpar dos asasinatos a un gardacostas de Chiffre e acurralar o banqueiro aínda máis.
Producírase xa Casino Royale como un episodio de televisión (1954) e como un filme satírico. Eon Productions adquiriu os dereitos de Casino Royale en 1999 despois de trocalos Sony Pictures Entertainment á Metro-Goldwyn-Mayer polos dereitos de Spider-Man[8]. En marzo de 2004 Neal Purvis e Robert Wade principiaron a escribir un guión para Pierce Brosnan como Bond, co obxectivo de traer de volta o sabor orixinal das novelas de Ian Fleming[9]. A principal contribución de Paul Haggis foi a reescribir o clímax da película[10].
O director Quentin Tarantino manifestou o seu interese en dirixir unha adaptación de Casino Royale[11] non obstante, en febreiro de 2005 deuse a coñecer que Martin Campbell sería o director da película[12] máis tarde, en 2005, Sony liderando un consorcio mercou MGM, permitindo así que Sony lograse os dereitos de distribución da película[13].
Eon consideraba que usaran en exceso os efectos xerados por computadora nas películas anteriores, máis particularmente en Die Another Day, e desexaba realizar as escenas de acción de Casino Royale "á moda antiga"[14]. Os guionistas Purvis, Wade e Haggis para lograren máis realismo querían seguir o máximo posible a novela orixinal, mantendo tanto a escura historia de Fleming como a caracterización de Bond[15].
Pierce Brosnan asinara un contrato por catro filmes cando o escolleron como James Bond. O que se cumpriu en 2002 tras realizar Die Another Day . Para entón, Brosnan estaba achegándose o seu 50 aniversario e sabía que aos admiradores da serie e aos críticos non lles gustara que Roger Moore interpretase a Bond con 58 anos e comezou a especularse que se ía substituír a Brosnan cun actor máis novo[16]. Brosnan anunciou oficialmente que deixaba o papel en febreiro de 2004. O produtor Michael G. Wilson chegou a dicir que había unha lista con máis de 200 nomes como posibles substitutos[17]. O actor croata Goran Višnjić fixo probas para o papel o mesmo día que Craig, pero tiña problemas para dominar o acento británico[18]. Tamén se pensou no actor neozelandés Karl Urban mais non puido facer unha proba por compromisos de rodaxe[19]. Segundo Martin Campbell, Henry Cavill foi o único actor considerado en serio para o papel, pero con 22 anos de idade onsiderouse que era novo de máis[20]. Tamén entraron en consideración o actor australiano Sam Worthington mais o escocés Dougray Scott[21]. Puido ser Hugh Jackman pero rexeitou debido a outros compromisos[22].
O 14 de outubro de 2005 Eon Productions, Sony Pictures Entertainment e MGM anunciaban nunha conferencia de prensa en Londres, que Craig sería o sexto actor en interpretar a James Bond. Craig vestindo traxe de etiqueta chegou a bordo dunha lancha da mariña real británica[23][24]. Houbo controversia tras da decisión, con algúns críticos e fans expresando a súa dúbida pola escolla dos produtores. Ao longo de todo o período de produción, houbo campañas por Internet expresando insatisfacción e ameazas de boicot á película[25].
Para a rapaza Bond, Vesper Lynd, considerouse a Angelina Jolie e Charlize Theron, tamén a belga Cécile de France, mais esta última desbotouse polo seu pésimo acento inglés[26]. Entrou en liza a actriz francesa Audrey Vénus pero non foi adiante por mor do seu papel en The Da Vinci Code (2006).[27] O 16 de febreiro de 2006 anunciouse a escolla da actriz francesa Eva Green.[28]
A rodaxe principal de Casino Royale principiou o 3 de xaneiro e rematou o 20 de xullo de 2006. Realizouse fundamentalmente nos estudios Barrandov de Praga, con localizacións adicionais nas Bahamas, Italia e o Reino Unido. A rodaxe rematou nos estudios Pinewood. Nun primeiro momento, pensouse rodar en Suráfrica pero por problemas de seguridade non se fixo [29]. No Reino Unido filmouse no aeródromo Dunsfold en Surrey, no pavillón de crícket en Eton College (aínda que se eliminou da montaxe final) e mais en Bedfordshire.
Despois de filmar en Praga, a produción mudouse para as Bahamas, en diversas localizacións de Nova Providencia rodándose entre febreiro e marzo, particularmente na illa Paradise. Imaxes ambientadas en Mbale (Uganda) filmáronse en Black Park en Buckinghamshire o 4 de xullo de 2006. Algunhas escenas realizarónse en Albany House, propiedade dos golfistas Ernie Els e Tiger Woods[30]. O equipo volveu á República Checa en abril, continuando a rodaxe en Praga, Planá e Loket para rematar na cidade de Karlovy Vary en maio. Un famoso spa checo, Karlovy Vary[31] utilizouse como o exterior do Casino Royale, co Grandhotel Puppa servindo como "Hotel Splendide"[32]. A localización principal en Italia foi Venecia, onde se ambienta gran parte do remate da película. Outras escenas da segunda metade da película filmáronse a finais de maio e principios de xuño na Villa del Balbianello, á beira do Lago Como[33], graváronse ademais exteriores na Villa la Gaeta, preto da vila de Menaggio.
No deseño dos créditos da película, o deseñador gráfico Daniel Kleinman inspirouse na pasta dianteira da primeira edición de Casino Royale datada en 1953, que contaba co deseño, orixinal de Ian Fleming, dunha carta da baralla arrodeada de oito corazóns deitando pingas de sangue [34]. Para as imaxes ensombrecidas da secuencia dixitalizou imaxes de Craig e dos dobres especialistas no sistema de efectos visuais Inferno en Framestore CFC de Londres, esas siluetas dos actores incorporáronse en máis de 20 escenas animadas dixitalmente amosando deseños de cartas complexos e innovadores. Kleinman decidiu non usar as siluetas femininas que se vían noutras películas da serie Bond, considerando que as mulleres non encaixaban nin co espírito da película nin na historia dun Bond namorado[35].
Para o resto da película, Chris Corbould, o supervisor de efectos e de miniatura volveu a un estilo máis realista reducindo significativamente os efectos dixitais; tres escenas que inclúen principalmente efectos físicos na película son a persecución nun edificio en Madagascar, a secuencia da persecución no aeroporto de Miami e o afundimento da casa veneciana, os escenarios localízaronse na Gran Canal e nos estudios Pinewood.
Programáronse primeiro as escenas do edificio de Madagascar que se filmou nas Bahamas localizándose nun hotel en ruínas que coñecera Michael G. Wilson en 1977, durante a rodaxe de The Spy Who Loved Me. Nesa escena, Bond conduce unha padeadora cara a construción, batendo nun muro de formigón para tentar deter a Mollaka. O equipo de especialistas construíu unha estrutura semellante e comprobou os diversos xeitos no que a padeadora podía destruír o formigón, incluíndo tirar abaixo os alicerces. Eliminouse unha sección do muro de formigón para que collese a padeadora, uníndose de novo con aceiro.
A secuencia no aeroporto de Miami filmouse, en parte, no aeródromo de Dunsfold (Surrey), incorporándose imaxes dos aeroportos de Praga e Miami. Na rodaxe da escena na que o pulo do motor da aeronave en movemento eleva o coche de policía no aire, os axudantes de dirección Ian Lowe, Terry Madden e Alex Witt usaron un guindastre cun cable de chumbo fortemente preso ao parachoques traseiro do vehículo, para movelo cara a enriba e cara a embaixo no momento de extensión máxima.
O aeroplano Skyfleet S570 do filme pertencera anteriormente á British Airways, era un Boing 747-200B co rexistro G-BDXJ ao que lle eliminaron os motores e modificaron para aparecer no filme. Á aeronave modificada subtituíronlle as turbinas exteriores por tanques externos de combustible, mentres os propulsores internos transformáronse nunha parella de maquetas de motores instalados en cada poste interior. A cabina modificouse para semellar que o 747 era o prototipo dun avión avanzado[36].
A derruba da casa veneciana no clímax do filme contou coa maior plataforma nunca construída para un filme da serie. Para a escena onde segue a Vesper ao interior da casa en obras suportada por globos inchables, construíuse un tanque no estudio Pinewood que consiste nunha piazza veneciana e o interior dos tres andares da casa en ruínas. A plataforma, pesaba case 90 toneladas, e incoporaba aparellos electrónicos con válvulas hidráulicas que estaban estritamente controlados por ordenador por mor da dinámica do movemento no sistema nos seus dous eixos. O mesmo sistema informático tamén controlaba o modelo exterior construído a escala un terzo para rodar o derrubamento do edificio na canle de Venecia. O modelo do ascensor dentro da plataforma podía somerxerse ata 5,8 metros, e usaba unha serie de compresores co fin de regualar o movemento.
No momento da filmación, Aston Martin aínda estaba nas últimas fases de deseño do DBS. A escena do accidente de automóbil concibiuse usando un Aston Martin DB9, especialmente modificado para semellar o Aston Martin DBS V12 de Bond e reforzado para resistir o impacto. Debido ao baixo centro de gravidade do vehículo, colocouse unha rampla de 450 milímetros na estrada de asfalto no centro de probas de vehículos en Millbrook Proving Grounds e Adam Kirley, o piloto especialista que conduciu o vehículo, tivo que empregar un canón de aire situado detrás do asento do condutor para darlle pulo ao coche arrolándoo no preciso momento do impacto. A unha velocidade de 113 km/h, o coche rodou sete veces mentres se filmaba, e o Libro Guinness dos Récords confirmou o 5 de novembro de 2006, que era unha nova mellor marca mundial.
A estrea foi en Londres, simultaneamente nos cinemas Odeon Leicester Square, Odeon West End e mais no Empire o 14 de novembro de 2006. Coincidiu coa 60 edición da Royal Film Perfomance (anualmente membros da familia real asisten a unha estrea dun filme) en beneficio do Cinema & Televisión Benevolent Fund (CTBF) e a estrea contou coa asistencia da súa patroa, a raíña Isabel II, xunto co duque de Edimburgo, constituíndo o terceiro filme de James Bond ao que asistiu a raíña tras You Only Live Twice e Die Another Day[37]. Xunto co elenco e equipo acudiron numerosos famosos e 5000 convidados de pagamento, destinándose a metade dos ingresos á CTBF.[38] En xaneiro de 2007 Casino Royale converteuse na primeira película de Bond en estrearse en cinema na República Popular da China, nunha versión editada, modificánse a referencia á guerra fría e engadíndose novo diálogo durante a escena de póker explicando o proceso de Texas hold 'em, xa que o xogo é relativamente pouco coñecido na China. Casino Royale recadou preto de us 11.700.000 dólares na China dende a súa estrea o 30 de xaneiro en 468 salas[39]. incluíndo unha mellor marca de estrea de fin de semana para unha película non chinesa con 1.500.000[40] Para que non pasase o mesmo que con Die Another Day que acabou recindo nalgunhas críticas humoristicamente o título de Buy Another Day (Merque outro día) [41] pola colocación promocional de 20 produtos, Eon limitou as promocións publicitarias dentro do filme, entre os incluídos están Ford Motors, Heineken Pilsener, Smirnoff, Omega, Virgin Atlantic Airways e Sony Ericsson.[42]
A película recadou 599.045.960 dólares en todo o mundo, converténdose no cuarto filme con maior recadación de 2006, e a mellor recadación dunha entrega de James Bond ata Skyfall en novembro de 2012.[2] No Reino Unido bateu marcas, logrando na súa estrea 1.700.000 libras[43] e na fin de semana da estrea 13.370.969 libras e en total recadou 55.500.000, logrando o primeiro posto en recadación do ano,[44] e a partir de 2011, o décimo filme con maior recadación de todos os tempos. Nos Estados Unidos na súa estrea logrou 14.741.135 dólares, e na primeira fin de semana 40.833.156, quedando en segunda posición despois de Happy Feet (41.500.000)[45]. Non obstante, Casino Royale exhibiuse en 370 cinemas menos e tivo unha media mellor (11.890 $ por cinema, contra 10.918 para Happy Feet[46]. En total logrou 167.445.960 dólares en América do Norte[2], o filme con mellor recadación da serie antes de ser superado por Quantum of Solace con 168.400.000[2].
O 18 de novembro de 2006 Casino Royale estaba na primeira posición en 27 países, cunha recadación de fin de semana de 43.407.886 dólares fóra do Reino Unido, Irlanda, os Estados Unidos e o Canadá[47]. A película mantivo o primeiro lugar de recadación en todo o mundo durante catro semanas.
Os críticos eloxiaron a película, en particular pola actuación e credibilidade de Craig. The Daily Telegraph, comparou a cualidade da caracterización de Craig coa de Sean Connery e eloxiou o guión como ben escrito, observando como a película se arredou das convencións da da serie. The Times comparou positivamente a actuación de Craig coa de Timothy Dalton, e eloxiou a acción como desacougante[48]. Paul Arend de BBC Films,[49] Kim Newman do Empire[50] e Todd McCarthy da Variety[51] describiron a Craig como o primeiro actor que verdadeiramente incorporaba o James Bond orixinal de Ian Fleming: irónico, brutal e frío.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.