From Wikipedia, the free encyclopedia
Herbert Manfred "Zeppo" Marx, nado en Nova York o 25 de febreiro de 1901 e finado en Rancho Mirage, California, o 30 de novembro de 1979, foi un actor, cómico, axente teatral e enxeñeiro estadounidense, o máis novo dos irmáns Marx.[1] Apareceu nos cinco primeiros filmes dos Marx, entre 1929 e 1933, mais entón deixou a interpretación para comezar unha segunda carreira como enxeñeiro e axente teatral.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de febreiro de 1901 Manhattan, Estados Unidos de América |
Morte | 30 de novembro de 1979 (78 anos) Palm Springs, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | cancro de pulmón |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Relixión | Xudaísmo |
Actividade | |
Ocupación | inventor , empresario , actor de teatro , actor de cinema , humorista |
Período de actividade | 1918 - 1978 |
Membro de | |
Lingua | Lingua inglesa |
Familia | |
Cónxuxe | Barbara Sinatra (1959–1973) Marion Benda (1927–) |
Pais | Sam Marx (pt) e Minnie Schoenberg Marx |
Irmáns | Groucho Marx, Harpo Marx, Chico Marx e Gummo Marx (pt) |
|
Nos cinco primeiros filmes dos irmáns Marx, Zeppo aparece como unha personaxe recta, romántica e pouco cómica, despois do cal deixou o cuarteto (Gummo xa deixara a interpretación antes da entrada dos irmáns no cinema). Segundo un artigo dun xornal publicado en 1925, Zeppo tivo un papel na comedia A Kiss in the Dark, con Adolphe Menjou,[2] mais non se sabe que tipo de personaxe tiña nela nin a importancia desta, xa que todas copias do filme se perderon. Aínda que Zeppo tiña habilidades cómicas abondas chegando a substituír o seu irmán Groucho nalgunhas representacións,[3] e era coñecido polos seus chistes entre bastidores, nunca creou unha gran personaxe cómica que puidese rivalizar cos de Groucho, Harpo e Chico.[4]
Zeppo foi o último dos Marxs en escoller o seu alcume e non hai certeza sobre a súa orixe. Groucho dixo unha vez que o seu irmán escollera este alcume en referencia ao Zeppelin, un artiluxio voador probado por primeira vez na data do seu nacemento.[5] Non obstante, a idea máis aceptada é que o seu nome artística era unha referencia ao doutro actor de vodevil da época, coñecido como Mr. Zippo, a quen Herbert se parecía fisicamente. Menos crida é a historia que suxire que durante o tempo en que os irmáns Marx traballaron de agricultores para evitar servir na primeira guerra nundial, chamábanse entre eles por nomes típicos de campesiños, como "Zeke" ou "Zeb", e que neste caso, "Zeb" acabou transformándose en Zeppo.[6] En calquera caso, o remate do nome artístico en "o" fíxose seguindo o exemplo dos seus irmáns Groucho, Harpo, Chico e Gummo.
Fóra da interpretación, Zeppo posuía un gran talento para o mundo da mecánica, razón pola que mantivo o coche da familia Marx funcionando. En 1941 fundou a compañía Marman Products, dedicada ao deseño e á montaxe de pezas e materiais de armas requirido polo exército dos Estados Unidos durante a segunda guerra mundial.[7][8] As abrazadeiras coas que Little Boy, a bomba atómica lanzada sobre Hiroshima, estaban atadas ao Enola Gay, eran un deseño seu e foran construídas na súa fábrica. Inventou tamén un tipo especial de reloxo de pulso capaz de medir as pulsacións das persoas afectadas por problemas cardíacos e enviar un sinal de alarma cando non rexistraba os seus valores normais.[9]
Así mesmo, fundou unha grande axencia teatral xunto co seu irmán Gummo. Durante ese tempo, representaron numerosos guionistas e actores, incluídos os seus irmáns.[10]
Zeppo casou con Marion Benda (de solteira Bimberg) o 12 de abril de 1927,[11] coa que non tivo fillos. A parella adoptou un fillo, Timothy, en 1944 e finalmente divorciárose en 1954. Cinco anos despois, o 18 de setembro de 1959, casou con Barbara Blakeley e adoptou o seu fillo, Bobby Oliver, a quen deu o seu apelido. Zeppo e Barbara separáronse en 1972, divorciándose finalmente en 1973. El non volveu casar, mentres que máis tarde ela se uniu ao cantante Frank Sinatra.
Faleceu en 1979, vítima dun cancro de pulmón, sendo o último dos irmáns Marx sobrevivente.[12][13] No seu testamento, Zeppo deixou ao seu fillo adoptivo Bobby Marx algunhas posicións e cartos suficientes para rematar na escola de dereito. Sinatra e Blakeley acudiron ao funeral.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.