Xoán I de Inglaterra
From Wikipedia, the free encyclopedia
Xoán I de Inglaterra, nado o 24 de decembro de 1166 e finado 19 de outubro de 1216, tamén coñecido como Xoán sen Terra (en anglonormando: Johan sanz Terre)[1], foi rei de Inglaterra desde o 6 de abril de 1199 ata a súa morte en 1216. Xoán perdeu o Ducado de Normandía fronte ao rei Filipe II de Francia, o que provocou a perda da maior parte do Imperio anxevino e o subsecuente aumento de poder da dinastía dos Capetos durante o século XIII. A revolta dos baróns ao final do reinado de Xoán levou á sinatura da Carta Magna, un documento que se considera ás veces o primeiro paso na evolución da constitución do Reino Unido.
Xoán foi o máis novo dos cinco fillos do rei Henrique II de Inglaterra e Leonor de Aquitania, e nun primeiro momento non se esperaba que herdase unha gran cantidade de terras. Trala errada revolta dos seus irmáns máis vellos entre 1173 e 1174, Xoán pasou a ser o favorito do rei. Recibiu en 1177 o Señorío de Irlanda así como unha gran cantidade de terras en Inglaterra e no continente. Os irmáns de Xoán, Guillerme, Henrique e Godofredo morreron novos; entón Ricardo I ascendeu ao trono en 1189, e Xoán pasou a ser o potencial herdeiro. Mentres o seu irmán Ricardo participaba na Terceira Cruzada, Xoán liderou un intento de rebelión contra o administrador real. Porén, trala morte de Ricardo en 1199, Xoán foi proclamado rei de Inglaterra e chegou a un acordo con Filipe II de Francia polo que o francés recoñecía as posesións continentais de Xoán polo tratado de Le Goulet do ano 1200.
A guerra con Francia estoupou de novo en 1202. Xoán obtivo varias vitorias, pero a escaseza de recursos militares e o seu trato aos nobres normandos, bretóns e de Anjou fixo que perdese as súas posesións do norte de Francia en 1204. Xoán pasou a maior parte da seguinte década tratando de recuperar esas terras, reformando o exército e refacendo as alianzas continentais. As reformas xudiciais de Xoán tiveron un importante impacto no sistema inglés da common law, así como un grande aumento dos ingresos. O rei foi excomungado en 1209 debido a unha disputa co papa Inocencio III, aínda que o problema se resolveu no 1213. Os intentos de Xoán de derrotar o rei de Francia en 1214 fracasaron debido á vitoria francesa sobre os aliados de Inglaterra na batalla de Bouvines. Cando regresou a Inglaterra, Xoán tivo que afrontar unha rebelión de moitos dos seus baróns, que estaban descontentos pola súa política fiscal e o seu trato á nobreza. Como resultado desta rebelión Xoán acordou asinar a Carta Magna en 1215, aínda que ningún dos dous bandos cumpriu coas condicións. A primeira guerra dos baróns estoupou pouco despois, coa axuda de Lois de Francia. Axiña a guerra entrou nunha situación de estancamento. Xoán morreu de disentería, durante a campaña no leste de Inglaterra en 1216; os partidarios do seu fillo Henrique lograron a vitoria sobre Lois e os baróns ao ano seguinte.
Os cronistas contemporáneos foron moi críticos coas actuacións de Xoán como rei, e o seu reinado foi obxecto de debate e revisión polos historiadores desde o século XVI. O historiador Jim Bradbury resumiu a opinión histórica actual das calidades positivas de Xoán, observando que hoxe en día segue a ser considerado como un "bo administrador, un bo home e un bo xeneral".[2] Porén, a historiografía moderna concorda en que tamén cometeu moitos erros como rei, incluíndo o que Ralph Turner describe como "unha personalidade de mal gusto, incluso perigosa", con trazos de crueldade.[3] Estas calidades negativas deron suficiente material á literatura da época vitoriana, e Xoán continúa sendo visto como un infame na cultura popular, principalmente por historias como a de Robin Hood.