From Wikipedia, the free encyclopedia
As xenohormonas (/kseno/) ou hormonas ambientais son compostos que se encontran no medio ambiente ou son artificialmente administrados producidos fóra do corpo dun organismo pero que teñen propiedades endócrinas similares ás das hormonas dese organismo ao cal afectan. Poden ser de orixe natural, como os fitoestróxenos, que derivan de plantas, ou de orixe sintética. Estes compostos poden activar os mesmos receptores endócrinos que as hormonas naturais propias ás que imitan e por iso están con frecuencia implicadas na perturbación endócrina.[1] As xenohormonas máis comúns son os xenoestróxenos, que imitan os efectos dos estróxenos. Outras xenohormonas son os xenoandróxenos (esteroides androxénicos anabólicos) e as xenoproxesteronas.[2][3] As xenohormonas utilízanse para diversos propósitos, como a contracepción e terapias hormonais e a agricultura. Porén, a exposición a certas xenohormonas nas primeiras etapas do desenvolvemento na infancia pode orixinar diversos problemas de desenvolvemento, como a infertilidade, complicacións de tiroide, e un comezo temperán da puberdade. A exposición en etapas posteriores da vida foi vinculada a riscos de cancros testiculares, de próstata, de ovario e uterinos.
O termo deriva do grego ξένος, xenos, 'estraño'[4] e de ὁρμή, orme, 'ímpeto, estímulo'.
As xenohormonas atópanse en diversos produtos de consumo, agropecuarios e químicos. Fontes comúns son:
Os xenoestróxenos e outras xenohormonas utilízanse en contraceptivos orais como nas pílulas para o control da natalidade e nas terapias de substitución de hormonas debido ás súas semellanzas coas hormonas naturais.[5]
Compostos estroxénicos sintéticos como a hormona do crecemento bovina (BVG) utilízanse frecuentemente nalgúns países para incrementar o tamaño do gando e maximizar a cantidade de carne e produtos lácteos que poden producir. Porén, na Unión Europea está prohibido o seu uso en gandaría e incluso a importación deses animais.[6] As xenohormonas tamén se encontran en certos pesticidas, herbicidas e funxicidas.[5][7]
As xenohormonas atópanse en moitos plásticos, e aparecen en moitos produtos de consumo que usan empaquetado con elementos plásticos. Xenohormonas comúns atopadas nos plásticos e outros produtos industriais son o bisfenol A (BPA), ftalatos, cloruro de polivinilo (PVC), e bifenilos policlorados (PCBs). Poden atoparse en varios obxectos domésticos, como pratos e utensilios de plástico, polistireno expandido, papel film, cubertas de solos, xoguetes, e outros produtos que conteñen plásticos e plastificadores.[7] En 2000, a FDA prohibiu os ftalatos nos xoguetes para bebés debido a riscos para a saúde.[5]
Moitos produtos domésticos poden conter certas xenohormonas, incluíndo os deterxentes para lavar a roupa, suavizantes de tecidos, xabóns, xampús, pasta de dentes, produtos cosméticos e de maquillaxe, produtos de hixiene feminina.[7]
As xenohormonas poden proceder de diversas fontes, tanto naturais coma orixinadas pola industria humana. Os xenoestróxenos orixinados polos humanos atópanse en produtos cosméticos, algúns alimentos, certos fármacos, produtos de plástico, retardantes do lume e pesticidas.[8][9] Entre os xenoestróxenos de orixe natual están os fitoestróxenos (compostos vexetais similares a estóxenos) e micoestróxenos (procedentes de fungos).[10][11]
Aínda que existen xenohormonas naturais, non hai tantos compostos na natureza capaces de interaccionar co receptor de andróxenos humano, así que os humanos é máis probable que entren en contacto con xenoandróxenos fabricados polo ser humano ao tomaren esteroides anabolizantes ou estar expostos a contaminantes que conteñen xenoandróxenos. "Os pesticidas organoclorados, os bifenilos policlorados (PCBs), e dibenzo-p-dioxinas policloradas/dibenzofuranos (PCDDs/PCDFs)" son varios pesticidas coñecidos que conteñen xenoandróxenos.[12]
Cando están presentes en cantidades excesivas no corpo humano, as xenohormonas poden causar problemas de saúde no hóspede debido á perturbación do sistema endócrino que causan. O nome dado a estas hormonas exóxenas (procedentes de fontes externas) é o de “perturbadores endócrinos”,[13] debido á súa tendencia a imitar os comportamentos das hormonas producidas naturalmente no corpo. Os efectos negativos do exceso de xenoestróxenos orixinan unha longa lista de anormalidades do desenvolvemento, especialmente cando a exposición ocorre durante o período posnatal. Cando estamos expostos a niveis altos de xenoestróxenos pouco despois do nacemento, “o tracto uroxenital e o desenvolvemento do sistema nervioso” se ven alterados, xa que se sabe que son “especialmente sensibles á perturbación hormonal.”[13] Cando a exposición ocorre durante este período inicial da vida, estes efectos adoitan ser permanentes.
As consecuencias da exposición excesiva a xenohormonas na idade adulta son diferentes e normalmente máis temporais. Isto quere dicir que os riscos para a saúde poden ser minimizados se o individuo deixa de estar sometido a esa exposición excesiva. Os problemas relacionados por xenohormonas en adultos consisten frecuentemente en aumentar o risco de cancro nos órganos reprodutores primarios ou secundarios (áreas da “mama, uterina, ovárica, prostática, testicular”).[14] A diminución do reconto de espermatozoides en homes e a fertilidade en mulleres atribuíuse tamén á exposición a xenohormonas na idade adulta. Cando están presentes no corpo, as xenohormonas poden unirse a receptores de estróxenos no cerebro, orixinando a ateración do sistema endócrino en conxunto. Tales hormonas tamén interfiren coa produción de proteínas. Estes “perturbadores endócrinos” tamén afectan aos niveis doutras hormonas corporais. Debido a isto, é difícil establecer unha relación definitiva entre as xenohormonas e os problemas de saúde, o que fai que os efectos sexan difíciles de predicir.[13]
Diversas investigacións indican que a exposición a certas xenohormonas pode causar graves riscos para a saúde, incluíndo a infertilidade, inicio da puberdade, problemas de tiroide, endometriose e certos tipos de cancro. Tamén se afirmou que certos xenoestróxenos, máis comunmente os fitoestróenos e micoestróxenos poden ter efectos beneficiosos para a saúde, aínda que non está claro ata que punto os beneficios compensan os posibles riscos para a saúde destes compostos.[15][16] As xenohormonas e outros compostos perturbadores endócrinos (EDCs) poden bloquear e perturbar a función natural das hormonas e o sistema endócrino do corpo, así que despois da exposición son posibles condicións relacionadas co desequilibrio ou mal funcionamento do sistema endócrino.[17] Detectáronse certas xenohormonas no tecido da glándula mamaria en mulleres con cancro de mama, o cal indica unha correlación entre a exposición dos xenoestróxenos e o cancro de mama. As xenohormonas están tamén ligadas ao incremento dos cancros testicular, prostático, ovárico e uterino.[18][19]
O uso de xenohormonas e EDCs en agricultura, gandaría e industria preocupa polos seus efectos sobre o medioambiente e a saúde. As xenohormonas contaminan a comida e a auga polo uso de pesticidas, tratamentos hormonais no gando nalgúns países, e o uso de botellas de plástico para embotellar auga.[14][20] Por exemplo, os PCBs poden interromper o desenvolvemento fetal dos animais, causar cambios na resposta animal ao estrés e causar enfermidades da función tiroide e inmune.[20] As xenohormonas nos residuos plásticos poden contaminar as fontes de augsa naturais e expoñer a humanos e á vida silvestre a diversos EDCs.[14]
Como as xenohormonas como o BPA demostraron ser perigosas para a saúde humana e animal, e tanto a Axencia de Protección Ambiental (EPA) coma a FDA realizaron investigacións e fixeron declaracións e regulacións para reducir o seu impacto sobre a saúde pública e o medioambiente. En marzo de 2010, a EPA publicou o seu Plan de Acción sobre o Bisfenol A (BPA), que detalla medidas para reducir o impacto do BPA nas especies acuáticas.[21] Estas medidas inclúen identificar o BPA como “unha substancia que pode presentar un risco non razoable de dano ao medioambiente" e introducir novas regulacións para minimizar o impacto ambiental de xenohormonas como o BPA.[21]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.