From Wikipedia, the free encyclopedia
William Hogarth, nado en Londres o 10 de novembro de 1697 e finado na mesma cidade o 26 de outubro de 1764, foi un artista británico, gravador, ilustrador e pintor satírico. Está considerado pioneiro das historietas occidentais. A súa obra varía dende o excelente retrato realista a unha serie de pinturas ao estilo das bandas deseñadas chamadas «costumes morais modernos». Gran parte da súa obra, que chega ás veces a ser desapiadada, búrlase dos costumes e a política contemporáneos. É o gran mestre da sátira social e política, en contacto directo coa literatura contemporánea de Henry Fielding. Está considerado tamén un dos pais da escola artística británica, tras varios séculos de predominio de artistas estranxeiros no país.
Fillo dun mestre pobre de escola e autor de libros de texto, William Hogarth naceu no barrio londiniense de Bartholomew Close. Na súa mocidade foi aprendiz do gravador Ellis Gamble en Leicester Fields, onde aprendeu a gravar. O mozo Hogarth tamén se interesou na vida das rúas e das feiras londinienses, e entretívose esbozando as personaxes que vía. Pola mesma época o seu pai foi encarcerado por débedas na prisión de Fleet durante cinco anos. Hogarth nunca falou deste asunto.
En abril de 1720, Hogarth estableceuse como gravador independente, primeiro gravando traballos menores como escudos de armas e facturas de tendas, así como ilustracións para libros. En 1727 foi contratado por Joshua Morris, un tapiceiro, para deseñar unha alegoría do Elemento Terra. Morris, ao ouvir que Hogarth era «un gravador, non un pintor», rexeitou a obra cando estaba acabada, e Hogarth demandouno perante o tribunal de Westminster onde, o 28 de maio de 1728 o caso se decidiu a favor de Hogarth.
O 23 de marzo de 1729 Hogarth casou con Jane Thornhill, filla do artista sir James Thornhill.
Tras uns primeiros anos como gravador e deseñador de segundo nivel, Hogarth decidiu dar o salto á categoría de pintor, mais non lle foi doado. Naquela época os grandes encargos artísticos de Londres eran acaparados por artistas estranxeiros, dentro dun estilo rococó e ampuloso que Hogarth consideraba artificial. Os reis e a nobreza inglesas subestimaban os artistas nacionais e preferían convocar os máis cotizados do continente, o que explica que dende o século XVI, os artistas ingleses fosen eclipsados por autores estranxeiros instalados no país como Hans Holbein o Novo, Rubens, Van Dyck, Orazio Gentileschi, Sebastiano Ricci e Canaletto.
Hogarth criticaba o gusto inglés pola mitoloxía e os retratos pomposos, mais a falta de encargos obrigouno a fraquear nas súas conviccións: abordou temas históricos da antigüidade, pero non acadou resultados convincentes.
A súa importancia como artista chegou na década de 19730, cando se volcou en temas satíricos. Lector de Jonathan Swift, criticaba a hipocrisía das clases altas. A súa viaxe a París en 1744 fíxoo coñecer o rococó francés, que influíu nas súas conversation pieces e no tratamento dos vestidos e as teas nos seus cadros.
Hogarth intentou explotar comercialmente as súas mellores creacións, repetíndoas en gravado. Non obstante, acadou tanto éxito que foi vítima da piratería; os seus deseños eran replicados de forma indiscriminada en Europa, e el apenas se lucrou deles.
En 1745 representouse xunto á súa cadela Trump nun famoso autorretrato (Tate Britain de Londres) inspirado noutro autorretrato de Murillo (National Gallery de Londres). Hogarth procurou reflectir a súa personalidade: suponse que o can é símbolo da perseveranza, e el viste roupas modestas. Xunto á súa efixie aparecen varios dos seus libros satíricos favoritos. Unha paleta amosa a inscrición The line of Beauty (A análise da beleza), que alude a un tratado de estética que estaba preparando. Publicouno acompañado de gravados en 1753. Nel, defendía a expresividade do trazo curvo fronte ao sobrio neoclasicismo.
O artista está enterrado no cemiterio de San Nicolao, en Chiswick Mall, Chiswick, Londres. O seu amigo o actor David Garrick escribiu a inscrición da súa tumba.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: William Hogarth |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.