From Wikipedia, the free encyclopedia
"We Will Rock You" é a primeira canción do álbum News of the World, de Queen, composta par Brian May, que saíu en 1977. É unha das cancións máis populares do grupo; é frecuente escoitala en competicións deportivas e foi reinterpretada con frecuencia por diversos artistas.
We Will Rock You e We Are the Champions están escritas como resposta a un concerto do groupo que se celebrou en Stafford en 1977. Á fin deste concerto, o público da sala comezou a cantar You'll Never Walk Alone no canto de aplaudir, o cal deixou abraiados os membros do grupo. Por este motivo decidiron escribir uns himnos que puidesen ser cantados a coro pola multitude[1]. Brian May compuxo We Will Rock You baseándose nesta idea, creando unha canción simple que se puidese aprender de xeito doado. Agás un solo de guitarra de trinta segundos de Brian May, a canción, dunha duración de dous minutos, está interpretada a cappella con dous golpes cos pés e un coas mans seguidos dunha pausa para marcar o ritmo sobre un compás a catro tempos. O refrán é "We will, we will rock you" ("Ímoste sacudir") repetido dúas veces.
O grupo utiliza a técnica da regravación para gravar os golpes dos pés e das mans, así como un efecto de cámara de eco para dar a impresión de que participan moitas persoas[2]. Ademais, realizouse un bucle para repetir tres veces a derradeira frase do solo de guitarra de Brian May[3].
A canción está moi estreitamente asociada a We Are the Champions. Trátase das dúas primeiras cancións do álbum News of the World e tamén saíron xuntas na versión de sinxelo e en dobre sinxelo en 1977. Ademais, o grupo tocábaas unha despois da outra para pechar os seus concertos[4]. Ao pouco da saída do álbum, as radios tamén colleron o hábito, nalgúns países, de emitilas consecutivamente[5]. Era frecuente que o grupo abrise algún concerto cunha versión da canción cun tempo máis rápido, o que se pode apreciar mesmo en álbums en vivo como Live Killers, Queen Rock Montreal e Queen on Fire: Live at the Bowl.
A canción figura no posto 338 da lista das 500 cancións máis grandes de todos os tempos da revista Rolling Stone na súa edición de 2010[6], e entrou no Grammy Hall of Fame en decembro de 2008[7].
O grupo norteamericano Warrant utilizouna para a banda orixinal da película Gladiator (1992). O grupo xuvenil británico Five interpretouna en 2000 coa colaboraciónn de Brian May e Roger Taylor, e esta versión chegou ao cumio das listas de sinxelos do Reino Unido[8]. Na película norteamericana Destino de cabaleiro ("A Knight's Tale"), de 2001, utilízase tamén, dun xeito voluntariamente anacrónico, durante un torneo medieval.
Os golpes dobres dos pés e das mans foron utilizados novamente por Queen + Paul Rodgers na canción Still Burnin', do álbum The Cosmos Rocks (2008). O grupo Daft Punk remesturouna para o videoxogo DJ Hero, saído en 2009, baixo o título de We Will (Robot) Rock You. Tamén realizou unha peza híbrida de We Will Rock You e I Want It All o grupo Armageddon, antigo nome dos Terror Squad, para a banda orixinal do filme Sucker Punch (2011).
Foi interpretada en directo por Axl Rose con ocasión do Freddie Mercury Tribute. Tamén U2 a interpretou en varios concertos da súa xira PopMart Tour [9]. Anastacia interpretouna con May e Taylor nun concerto en 2003. My Chemical Romance tocouna con Brian May no Reading Festival en 2011[10]. Jessie J interpretouna con May e Taylor na cerimonia de clausura dos Xogos Olímpicos de 2012[11].
Ademais, a canción utilízase tamén no videoxogo Pro Evolution Soccer 2, saído en 2002.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.