Voo 1903 de Dan-Air
From Wikipedia, the free encyclopedia
O voo 1903 de Dan-Air era un voo internacional non regular entre Manchester e Barcelona. O día 3 de xullo de 1970 o de Havilland Comet 4 que realizaba o servizo estrelouse contra as ladeiras boscosas do macizo do Montseny preto de Arbúcies, Xirona. O touroperador británico Clarksons Holidays contratara o avión para levar a un grupo de turistas que reservara un paquete de vacacións con el. O accidente esnaquizou o avión e matou os 112 ocupantes. Foi o peor accidente de aviación do ano 1970, e un dos peores dun de Havilland Comet.[1]
Voo 1903 de Dan-Air | |
---|---|
Un Comet 4C semellante ao do accidente | |
Resumo | |
Data | 3 de xullo de 1970 |
Causa | voo controlado contra o terreo |
Lugar | preto de Arbúcies, Xirona |
Coordenadas | |
Finados | 112 (todos) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | de Havilland Comet 4 |
Pasaxeiros | 105 |
Tripulación | 7 |
Superviventes | 0 |
O do voo 1903 foi o primeiro accidente fatal de Dan-Air con pasaxeiros. As noticias do primeiro grande accidente da aeroliña nos seus 18 anos de existencia chegaron xusto dous días despois de que o touroperador británico Global Holidays a premiase cun contrato de catro anos, valorado en 2,5 millóns de libras, para todos os seus voos chárter dende Birmingham, que empezaría en abril de 1971.