A expresión variedade lingüística é unha forma neutral de referirse ás diferenzas lingüísticas entre os falantes dun mesmo idioma.

Co uso do termo variedade preténdese evitar a ambigüidade e falta de univocidade de termos como lingua ou dialecto, xa que non existen criterios unívocos para decidir cando dúas variedades deben ser consideradas como a mesma lingua ou dialecto, ou como linguas ou dialectos diferentes.

Tipoloxía de variedades lingüísticas

Variedades xeográficas

Artigo principal: Variedades diatópicas.

As diferenzas ou mudanzas deste tipo pertencen á variación diatópica e consisten en que existen variantes na forma de falar unha mesma lingua debidas á distancia xeográfica que separa aos falantes. Así, por exemplo, no galego occidental dise pantalóns mentres que no central dise pantalós e no oriental pantalois.

A estes cambios de tipo xeográfico que dentro dunha lingua presenta unha certa consistencia ou homoxeneidade chámaselles dialectos e, ao seu estudo, dialectoloxía. Cómpre aclarar que este termo, en canto concepto "lingüístico", non ten ningún sentido negativo, pois, erroneamente, foi común chamar dialecto a linguas que supostamente son "sinxelas" ou "primitivas". Hai que ter presente, ante todo, que todas as linguas do mundo, dende o punto de vista gramatical, atópanse en igualdade de condicións e ningunha é máis evolucionada cá outra. Por iso, é ilóxico afirmar que unha lingua é mellor cá outra.

Os dialectos son, daquela, formas senlleiras coas que as diferentes comunidades falan unha determinada lingua. Dende este punto de vista adóitase falar do inglés británico, do inglés australiano etc. Con todo, hai que ter presente que os dialectos non presentan límites xeográficos precisos, senón que, ao contrario, estes son borrosos e graduais. Por iso é polo que se considera que os dialectos que constitúen unha lingua forman un continuum sen límites precisos. Moitos adoitan dicir que unha lingua é un conxunto de dialectos cuxos falantes poden entenderse entre si. Con todo, isto non parece selo para o alemán, xa que hai dialectos desta lingua que son inintelixibles entre si. Doutra banda, está o caso das linguas escandinavas, linguas consideradas independentes, mais comprensibles entre si.

Variedades sociais

Artigo principal: Variedades diastráticas.

Este tipo de variacións recibe tamén o nome de variacións diastráticas e comprenden tódalas mudanzas da linguaxe producidas polo ambiente no que se desenvolve o falante. Dentro deste eido, interesa sobre todo o estudo dos sociolectos, os cales débense a factores como a clase social, a educación, a profesión, a idade, a procedencia étnica etc. En certos países onde existe unha xerarquía social moi clara, o sociolecto da persoa é un marcador da clase social pertence, o cal pode supoñer unha barreira para a integración social.

Variedades situacionais

Artigo principal: Variedades diafásicas.

Coñecidas tamén como variedades diafásicas, implican a existencia de rexistros ou estilos constituídos a partir de diferenzas lingüísticas definidas pola situación na que se atopa o falante ou a circunstancia en que unha lingua dada se vai usar. Como se sabe, non se fala igual nunha festa de amigos que nunha actividade relixiosa. Dende este punto de vista, o que provoca o cambio é o grao de formalidade que se supón adecuada para o uso ou evento lingüístico. O grao de formalidade enténdese como a estrita observancia das regras, normas e costumes na comunicación lingüística.

Tomando en consideración este factor, os especialistas falan da existencia de diversos rexistros ou estilos. Deste xeito, no intre de se expresaren, os falantes deben elixir un rexistro axeitado á circunstancia na que se atopa.

Non existe acordo respecto de cantos e que tipos de rexistros existen. Polo xeral, distínguense os seguintes: solemne, culto ou formal, estándar, profesional, coloquial, frío, vulgar e xergal.

As variedades poden ser distinguidas, ademais de polo seu vocabulario, por diferenzas na súa gramática, fonoloxía e prosodia. Por exemplo, a adaptación das palabras estranxeiras. Cronolecto: fai referencia á idade, (cativo, adolescente, adulto, vello) Sociolecto: fai referencia á clase social á que o falante pertence (alta, media, baixa). Dialecto: fai referencia segundo o país ou a rexión á cal pertence. Os vulgarismos e idiotismos son ás veces considerados como formas de estilo, ao estaren limitados a variacións de léxico, mentres que os argots poden ser incluídos tanto no concepto de variedade como de estilo.

As variacións lingüísticas no galego

Thumb
Áreas lingüísticas do galego

Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía.

Outras variedades lingüísticas

Na sociolingüística emprégase ademais, e entre outros, os seguintes termos, para designar, dentro de variedade lingüística, formas da fala que non son compartidas polo conxunto dos falantes dun idioma ou dialecto:

  • Argot.
  • Cronolecto, variedade dun idioma ou dun dialecto xeográfico empregada por un grupo de idade, os cronolectos (especialmente entre os adolescentes) adoitan ter características argotais. Os cronolectos máis estudados son a linguaxe infantil e maila xuvenil. En situacións de cambio lingüístico, os cronolectos de diferentes grupos de idade poden diferir bastante en trazos que están en proceso de cambio.
  • Ecolecto, variedade dun idioma ou dialecto empregada por un número moi reducido de persoas (por exemplo, os membros dunha familia, dun grupo de amigos).
  • Etnolecto, variedade falada polos membros dunha etnia, termo moi pouco empregado, xa que, polo xeral, trátase dun dialecto xeográfico.
  • Xeolecto, variedade dunha lingua ou dialecto falada nunha zona xeográfica moi determinada, e só nesa zona. Por exemplo o monegasco dialecto da lingua provenzal, que só se utiliza no Principado de Mónaco.
  • Idiolecto, variedade da lingua falada por unha persoa, é dicir, o termo refírese ao conxunto de peculiaridades que unha persoa usa sistematicamente e na que difire do uso dos membros da súa comunidade lingüística.
  • Lingua sagrada, algunhas etnias como os dogóns, pobo establecido en Malí e Burkina Faso (África), teñen dúas linguas, unha de uso cotián e outra secreta, para as cerimonias relixiosas.
  • Sexolecto, conxunto de particularidades da fala, propias dos homes ou das mulleres.
  • Sociolecto, conxunto de particularidades da fala típicas dunha clase ou dun estrato social.
  • Tecnolecto, conxunto de palabras e locucións propias da linguaxe profesional.

Véxase tamén

Outros artigos

  • Sociolingüística
  • Ideoléxico, variedade moldeada de acordo a algunha ideoloxía. O idioléxico máis estudado é, probablemente, a linguaxe politicamente correcta.

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.