![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/1a/Biological_cell.svg/langgl-640px-Biological_cell.svg.png&w=640&q=50)
Vacúolo
orgánulo celular presente en todas as células vexetais e nas dos fungos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un vacúolo (do latín científico vacuǒlum, e este do latín vacuus, -a, -um, 'baleiro') é un orgánulo celular presente en todas as células vexetais e nas dos fungos, así como tamén nalgunhas animais de protistas.[1][2] Esencialmente son compartimentos pechados que conteñen diferentes fluídos, fundamentalmente auga, e diversas substancias inorgánicas e orgánicas en solución, incluídos enzimas, e, nalgúns casos, tamén sólidos. Cando nunha célula existen varios vacúolos, o conxunto deles coñécese co nome de vacuoma.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/1a/Biological_cell.svg/640px-Biological_cell.svg.png)
Orgánulos:
(1) nucléolo
(2) núcleo
(3) ribosomas (puntos pequenos)
(4) vesícula
(5) retículo endoplasmático rugoso
(6) aparello de Golgi
(7) Citoesqueleto
(8) retículo endoplasmático liso
(9) mitocondria
(10) vacúolo
(11) citoplasma
(12) lisosoma
(13) centríolos dentro do centrosoma
Estes orgánulos non teñen unha forma e un tamaño determinados, e a súa estrutura varía de acordo coas necesidades da célula. A función e a importancia dos vacúolos varía segundo o tipo de células nas que están presentes, e teñen unha grande importancia nas células das plantas, fungos e algúns protistas, máis do que entre os animais e as bacterias. Entre as moitas funcións dos vacúolos inclúense:
- Eliminación de partículas estruturais de refugallo.
- Illamento de materiais que poden ser nocivos ou prexudiciais para a célula.
- Conter produtos de refugallo.
- Conter auga nas células dos vexetais.
- Mantemento interno da presión hidrostática ou a turxescencia nas células dos vexetais.
- Mantemento do pH interno.
- Gardar pequenas moléculas mentres non se necesitan.
- Expulsar substancias non desexadas fóra da célula.
- Nas plantas, permitir á célula cambiar de forma, e ser soporte de estruturas como as follas ou as flores, grazas á presión exercida polo vacúolo central.[3]
Os vacúolos xogan tamén un papel moi importante na autofaxia, o mantemento do balance entre produción (bioxénese) e degradación (ou recambio) de diversas substancias e estruturas celulares nalgúns organismos. Así mesmo colaboran na lise (destrución) de bacterias invasoras ou de proteínas con pregamento incorrecto que se están creando na célula.[4]