Vía Láctea
galaxia na que está o sistema solar / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Vía Láctea é a galaxia na que está o sistema solar, e polo tanto o planeta Terra. Vista desde a Terra, aparece como unha banda brillante e difusa que rodea toda a esfera celeste, recortada por nubes moleculares que lle confiren un intricado aspecto irregular e dentado. A súa visibilidade vese gravemente comprometida pola contaminación luminosa. Agás contadas excepcións, todos os obxectos visibles a primeira ollada dende a Terra pertencen a esta galaxia.
A súa idade estimada é de máis de trece mil millóns de anos, durante os cales pasou por varias fases evolutivas ata alcanzar a súa forma actual.}} Formada por centos de miles de millóns de estrelas, a galaxia presenta estruturas diferentes entre si. No bulbo central, de forma alongada, hai unha gran concentración de estrelas, e no centro exacto da galaxia atópase o buraco negro supermasivo Saxitario A*. Ao seu ao redor atópase o disco galáctico, formado por estrelas dos mais diversos tipos, nebulosas e po interestelar, entre outros. É nesta parte prominente da Vía Láctea onde se manifestan os brazos espirais. Ao seu ao redor hai centos de cúmulos globulares. Con todo, a dinámica de rotación da galaxia revela que a súa masa é moito maior que toda a materia observable, e este compoñente adicional denomínase materia escura, cuxa natureza se descoñece.
Desde tempos inmemoriais, a humanidade tratou de describir a natureza da galaxia, á que se fai referencia en innumerables lendas e mitos de diversos pobos. Aínda que xa se propuxo anteriormente, descubriuse, a partir das observacións realizadas por Galileo Galilei cun telescopio, que a banda brillante de aspecto leitoso (da que deriva o seu nome) era en realidade un gran conxunto de estrelas. Con todo, nos dous últimos séculos, a concepción científica da Vía Láctea pasou de ser unha simple nube de estrelas en cuxo centro se atopaba o Sol a unha gran galaxia espiral complexa e dinámica, da que a nosa estrela é só unha entre miles de millóns. Isto sucedeu grazas aos avances na tecnoloxía de observación, que permitiron sondar estruturas máis aló das nubes moleculares.
O sistema solar atópase a medio camiño entre o centro e o bordo do disco, na rexión do brazo de Orión, que en realidade non é máis que unha estrutura menor entre dous brazos principais. Ao redor da galaxia orbitan as súas galaxias satélites, entre as que destacan as Nubes de Magallanes. O Grupo Local é o escaso cúmulo de galaxias do que forma parte a Vía Láctea, e é un dos seus maiores compoñentes.
Segundo as observacións posúe unha masa de 1012 masas solares e é, moi posiblemente, unha espiral barrada. Cun diámetro medio duns 100 000 anos luz calcúlase que contén uns 100 000 millóns de estrelas. A distancia dende o Sol ao centro da galaxia é duns 27 700 anos luz (8,5 kpc).
A Vía Láctea forma parte dun conxunto dunhas corenta galaxias, chamado Grupo Local, do que é unha das galaxias maiores, xunto con Andrómeda e Triángulo.[1] Debido ás curvas de rotación que presenta crese que gran parte da masa da Vía Láctea é materia escura.