filme de 2010 dirixido por André Øvredal From Wikipedia, the free encyclopedia
Trolljegeren é un filme noruegués escrito e dirixido por André Øvredal que se estreou no 2010.
Trolljegeren | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Trolljegeren |
Director | André Øvredal |
Produtor | John M. Jacobsen Sveinung Golimo |
Guión | André Øvredal |
Intérpretes | Otto Jespersen Hans Morten Hansen Tomas Alf Larsen Johanna Mørck Knut Nærum Robert Stoltenberg Glenn Erland Tosterud |
Fotografía | Hallvard Bræin |
Montaxe | Per-Erik Eriksen |
Estudio | Filmkameratene A/S Film Fund FUZZ |
Distribuidora | SF Norge A/S (Noruega) Magnet Releasing (USA) |
Estrea | 2010 |
Duración | 103 minutos |
Orixe | Noruega |
Xénero | Fantástico |
Orzamento | NOK 19 000 000 $3 500 000[1] |
Recadación | NOK 24 000 000 $4 159 678 |
Na rede | |
http://www.trollhunterfilm.com/ | |
Falso documental que narra a historia dun grupo de estudantes que trata de destapar unha conspiración do goberno que implica a troles xigantes que viven en Noruega. O goberno noruegués estivo ocultando o feito de que existe unha poboación secreta de troles vivindo en cotos de caza na zona norte do país, manténdoos seguros e afastados da atención pública do lugar e a posibilidade de que se desate o pánico masivo se a xente descobre que estas criaturas son reais.
Trollhunter contén numerosas referencias á cultura de Noruega e ós seus contos populares. Entre as numerosas crenzas está a de que existen diferentes especies de troles, como os troles de montaña e os de bosque, que como se di no filme poden ser categorizados en subespecies. A máis coñecida delas é probablemente a do "Rei das Montañas", que é mencionada na obra de Edvard Grieg Peer Gynt. O nome noruegués para Rei das Montañas, «Dovregubbe», é unha palabra composta, e a primeira parte dela é a mesma palabra usada para chamar á serra Dovrefjell, que é tamén o lugar onde se atopan o trol xigantesco.
No filme tamén se inclúen outras descricións de troles do folclore noruegués, como o feito de que teñen rabo, que poden ter múltiples cabezas, que poden cheirar o sangue dos cristiáns e que comen rochas pero tamén poden comer homes. Os troles son descritos como grandes, vellos, fortes, pero tamén lentos e parvos. Tórnanse pedra ó entrar en contacto coa luz solar. Este último é un dato destacado no filme, xa que o cazador de troles utiliza luz ultravioleta para matar os troles. Con todo, o cazador tamén di que non todo o que se di nos contos sobre os troles é verdade.
O filme tamén ten numerosas referencias específicas ós contos de fadas. Por exemplo, ó conto Boots Who Ate a Match With the Troll cando o cámara pregunta sobre un concurso de comer, e ó conto Three Billy Goats Gruff cando o cazador tenta emboscar ó trol debaixo da ponte. O conto de fadas Soria Moria Castle é un dos contos que di que os troles poden cheirar o sangue dun home cristián. Unha pintura de Theodor Kittelsen baseada no mesmo conto tamén é utilizado como un pano de fondo dunha das viaxes que fan na película. O aspecto físico dos troles está influído por artistas como Theodor Kittelsen e John Bauer.[2]
Como reflexo de como os estudantes responden ós cazador, só unha pequena fracción dos noruegueses se consideran relixiosos ou van á Igrexa con regularidade,[3] mesmo tendo en conta que a maioría da poboación é membro da igrexa do estado.[4]
O filme tamén amosa o conflito cotián entre os granxeiros e os depredadores salvaxes que ameazan o seu gando, e a limitada capacidade para reaccionar sen crebar as leis de protección da vida salvaxe.[5] No filme, estes depredadores levan a culpa polas accións dos troles. Do mesmo xeito, existen conflitos que xorden cando novas liñas de electricidade deben ser feitas a través da paisaxe.[6]
Cun elenco inzado de actores cómicos que son moi coñecidos pola audiencia norueguesa, como Otto Jespersen, o ton do filme cambia debido a este feito, restándolle dramatismo. Robert Stoltenberg interpreta o cazador polaco e fai a escena menos grave, e tamén recrea os estereotipos que a maioría dos noruegueses teñen dos inmigrantes de Polonia,[7] como son o seu pobre dominio do noruegués ou do inglés, que fan o que se lles pide sen facer preguntas,[8] que fan o traballo que os noruegueses non queren facer,[9] e que é relativamente frecuente que traballen mal pagados ou condicións non legais.[10][11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.