Transportador de neurotransmisor
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os transportadores de neurotransmisores son unha clase de proteínas transportadoras de membrana que abranguen o grosor da membrana plasmática das neuronas. A súa función primaria é transportar os neurotransmisores a través da membrana e encamiñalos a ser transportados a localizacións intracelulares específicas; xeralmente fanos pasar desde a fenda sináptica ao interior do terminal presináptico. Hai máis de vinte tipos de trnsportadores de neurotransmisores.[1]
Outros transportadores importantes no movemento de neurotransmisores na célula son os transportadores vesiculares. Estes levan os neurotransmisores ás vesículas sinápticas, regulando as concentracións de substancias no seu interior, entre elas os neurotransmisores.[2] Os transportadores vesiculares dependen dun gradiente de protóns creado pola hidrólise de adenosín trifosfato (ATP) para levar a cabo o seu traballo: A v-ATPase hidroliza ATP, causando que se bombeen protóns ao interior das vesículas sinápticas e creando un gradiente de protóns. Entón, o efluxo de protóns que saen da vesícula proporciona a enerxía para traer o neurotransmisor ao interior da vesícula.[3]
Os transportadores de neurotransmisores usan frecuentemente os gradientes electroquímicos que existen a través das membranas celulares para levar a cabo a súa función. Por exemplo, algúns transportadores usan a enerxía obtida polo cotransporte ou simporte de Na+ para mover glutamato a través das membranas. Ditos sistemas cotrasnportadores de neurotansmisores son moi diversos, xa que recentes desenvolvementos indican que os sistemas de captación xeralmente son selectivos e asociados a neurotransmisores específicos.[4]
Normalmente, os transportadores da membrana sináptica serven para retirar os neurotransmisores que foron vertidos á fenda sináptica e devolvelos ao botón presináptico, e impiden así que sigan actuando ou que se acaben esgotando. Porén, en certas ocasións, os transportadores poden funcionar á inversa, transportando os neurotransmisores á sinapse, o que permitirá que eses neurotransmisores se unan aos seus receptores e exerzan os seus efectos. Esta "liberación non vesicular" de neurotransmisores utilízase por algunhas células, como as células amácrinas da retina, como unha forma normal de liberación de neurotransmisores.[5]