![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/9e/Turdus_viscivorus_in_Baikonur-town_001.jpg/640px-Turdus_viscivorus_in_Baikonur-town_001.jpg&w=640&q=50)
Tordo charlo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O tordo charlo[2][3] (Turdus viscivorus) é unha ave común na maior parte de Europa, Asia e norte de África. En Galicia é unha ave sedentaria case común.[3] É unha ave residente todo o ano en gran parte da súa área de distribución, pero as poboacións do norte e leste migran ao sur para invernar, a miúdo en pequenas bandadas. É un tordo grande con partes superiores grises claras, un queixo e gorxa brancos cincentos e puntos negros nas súas partes inferiores amarelas claras ou brancas crúas. Os sexos teñen plumaxe similar e as súas tres subespecies mostran só mínimas diferenzas.
Tordo charlo | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() En Baikonur, Casaquistán | |||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||
![]() Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
![]() Distribución de T. viscivorus
Reprodución Residente Non reprodutor |
Atópase en bosques abertos, parques, setos e terras cultivadas. Aliméntase dunha ampla variedade de invertebrados, sementes e bagas. Os seus froitos preferidos inclúen os de visgo, acivro e teixo. O visgo (Viscum album) é o preferido se está dispoñible onde vive, e isto reflíctese no seu nome científico (viscivorus deriva de Viscum). Esta planta é parasita para outras plantas, e benefíciase de que o tordo charlo, despois de comer as súas sementes, excrétaas nas pólas onde estas poden xerminar. En inverno, os tordos charlos poden defender vigorosamente matas de visgo ou un teixo como reserva de comida para cando veñan tempos de escaseza.
O seu niño con forma de copa aberta constrúese apoiado nun tronco ou na ramificación dunha póla, e deféndeo destemidamente contra os predadores potenciais, incluído ás veces seres humanos ou gatos. A posta, xeralmente de tres a cinco ovos, é incubada durante 12 a 15 días, principalmente pola femia. Os polos empluman de 14 a 16 días despois da eclosión. Normalmente crían dúas roladas de polos. A especie experimentou unha grande expansión da súa área de distribución nos séculos XVIII e XIX, e un pequeno declive en décadas recentes, quizais debido aos cambios nas prácticas agrícolas. Dada a enorme cantidade de exemplares e ampla área de distribución, este tordo é clasificado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza cun status de conservación de "especie pouco preocupante".