Titán (lúa)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Titán é a maior lúa de Saturno e a segunda maior de todo o Sistema Solar, despois de Ganímedes, tendo case unha vez e media o tamaño da nosa Lúa. É maior que un dos planetas principais, Mercurio, e que o planeta anano Plutón, e se orbitase ao redor do Sol sería un planeta por dereito propio.
Esta é a única lúa no Sistema Solar que ten unha atmosfera densa, sendo mesmo máis densa que a da Terra. Pénsase que posúe lagos de hidrocarburos e volcáns xeados, e que o metano se comporta case coma a auga na Terra, evaporando e chovendo nun ciclo interminable. Titán é un mundo que se mantivo oculto ata moi recentemente, cuberto por unha densa brétema alaranxada.
En xaneiro de 2005, lanzouse a sonda Huygens que pasou por entre a brétema e tirou as primeiras fotografías da superficie de Titán; mais por mor do neboeiro, e mesmo coas fotografías, ficou moito por saber. Esta sonda levou consigo un millón de mensaxes de persoas de todo o mundo. As mensaxes foron enviadas por Internet, gravadas nun CD-ROM e lanzadas na sonda en 1997, e poderán permanecer no solo titánico durante millóns de anos e seren descubertas por turistas espaciais do futuro, pois Huygens descendeu á lúa, sendo o descenso máis lonxe da Terra ata a data, a 1200 millóns de km no momento no que se realizou.[1]