![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/42/Building_Argo_BM_TerrD603.jpg/640px-Building_Argo_BM_TerrD603.jpg&w=640&q=50)
Tifis
personaxe mitolóxico, temoneiro dos Argonautas / From Wikipedia, the free encyclopedia
Na mitoloxía grega, Tifis foi o temoneiro que gobernaba o Argo, a nave na que se embarcaron os argonautas para tomar o vélaro de ouro. Era fillo de Hagnias [1], se ben outros autores fano fillo de Forbante e Hirmine [2] ou de Tife (ou Sife). Pausanias escribiu que había unha pequena cidade chamada Tifa (ou Sifas), na Beocia, da que procedía Tifis; os habitantes facían gala de ser os mellores navegantes da rexión [3].
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/4/42/Building_Argo_BM_TerrD603.jpg/640px-Building_Argo_BM_TerrD603.jpg)
Coñecía abondo os ventos e o movemento dos astros, habilidades que lle proporcionara Atenea, se ben non participou nunca nas batallas desenvolvidas en terra firme polos seus compañeiros os argonautas. Grazas a un cunco máxico que lle regalara Medea, e que a ela llo dera Tritón, soubo o camiño a seguir para saír do lago Tritonis, en Libia, e volver ó mar.
Tifis morreu dunha enfermidade súbita estando os argonautas no palacio do rei Lico, no país dos mariandinos, na beira sur do Ponto Euxino (denominación clásica do Mar Negro), e foi substituído como temoneiro do Argo por Anceo, fillo de Poseidón, que continuou a viaxe ata a Cólquida [4].
"Tifis pereceu dunha enfermidade no país dos mariandinos, na Propóntide, xunto ó rei Lico. No seu lugar, Anceo, fillo de Neptuno, gobernou a nave ata a Cólquide".(Hixino: Fábulas 14, 26)