![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e3/Downtown_Port_au_Prince_after_earthquake.jpg/640px-Downtown_Port_au_Prince_after_earthquake.jpg&w=640&q=50)
Terremoto de Haití de 2010
From Wikipedia, the free encyclopedia
O terremoto de Haití de 2010 rexistrouse ás 16:53:09 hora local (21:53:09 UTC) do martes 12 de xaneiro con epicentro a 15 km da capital haitiana, Porto Príncipe. Segundo o Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos, o sismo tivo unha magnitude de 7.0 Mw e xerouse a unha profundidade de 10 km.[1] Tamén se rexistraron unha serie de réplicas, as máis fortes de 5.9, 5.5 e 5.1. A NOAA descartou o perigo de tsunami na zona.[2] Con todo, horas despois, rexistrouse un tsunami de mínimas proporcións que matou catro persoas. Este terremoto foi o máis forte rexistrado na zona desde o acontecido en 1770. O sismo percibiuse en países próximos como Cuba, Xamaica e a República Dominicana, onde provocou temor e evacuacións preventivas.
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/e/e3/Downtown_Port_au_Prince_after_earthquake.jpg/640px-Downtown_Port_au_Prince_after_earthquake.jpg)
Foi un dos terremotos máis devastadores dos que se ten rexistro.
Os efectos causados sobre Haití, o país máis pobre de América nese momento, foron devastadores.[3] Os corpos recuperados ata o 25 de xaneiro superaban os 150 000, calculándose que o número de mortos excedería os 200 000.[4] Os datos definitivos dos afectados deunos a coñecer o primeiro ministro Jean-Max Bellerive no primeiro aniversario do sismo, o 12 de xaneiro de 2011, cando se informou de que no sismo faleceran 316 000 persoas, 350 000 máis quedaran feridas, e máis de 1,5 millóns quedaron sen fogar, co que se considera unha das catástrofes humanas máis graves da historia.[5][6]