Teoría case neutralista da evolución molecular
From Wikipedia, the free encyclopedia
A teoría case neutralista da evolución molecular é unha modificación da teoría neutralista da evolución molecular que trata de explicar o comportamento nas poboacións das mutacións lixeiramente vantaxosas ou lixeiramente deletéreas a nivel molecular. A teoría case neutralista foi proposta por Tomoko Ohta en 1973[1] (incluíndo só as mutacións deletéreas) e ampliada a inicios da década de 1990 para incluír tanto as mutacións case neutras vantaxosas coma as deletéreas. A diferenza da teoría neutralista orixinal de Motoo Kimura (que trataba só dunha dicotomía de mutacións algunhas tan deletéreas como para ser ignorables e outras mutacións que non estaban en absoluto afectadas pola selección natural), a teoría case neutralista predí que hai unha relación entre o tamaño da poboación e a taxa de evolución molecular. Hai un limiar dependente do tamaño de poboación, chamado "barreira da deriva" de Michael Lynch que determina un valor crítico do coeficiente de selección por encima do cal as mutacións deletéreas son eliminadas eficientemente. En poboacións máis grandes, unha maior proporción de mutacións excedía este limiar para o cal a deriva xenética non pode vencer á selección, o que orixinaba menos eventos de fixación e deste modo unha evolución molecular máis lenta.