Telescopio refractor
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un telescopio refractor é un sistema óptico centrado, que capta imaxes de obxectos afastados que emprega un conxunto de lentes en que a luz se refracta. A refracción da luz na lente do obxectivo fai que os raios paralelos, procedentes dun obxecto moi afastado (no infinito), converxan sobre un punto do plano focal. Isto permite mostrar os obxectos afastados maiores e máis brillantes.
Este tipo de telescopios son moi comúns na astronomía para afeccionados e nalgúns telescopios solares (para os que se empregan filtros), e durante case 300 anos (aproximadamente entre 1600 e 1900) convertéronse no principal tipo de instrumento de traballo dos máis destacados observatorios do mundo. Porén, existen importantes dificultades técnicas que impiden realizar telescopios refractores de amplas dimensións e de grande abertura, xa que resulta difícil elaborar lentes útiles de gran tamaño e lixeiras abondo para seren empregadas como obxectivos. Por outra banda, existen problemas de calidade da imaxe por mor das pequenas burbullas de ar atrapadas no cristal da lente principal, e ademais, o material da lente resulta opaco a determinadas lonxitudes de onda, polo que se perde sensibilidade nalgunhas partes do espectro lumínico. A maioría destes problemas resólvense co uso dun telescopio reflector.
O problema das aberracións cromáticas corríxese parcialmente con lentes apocromáticas, aínda que este tipo de telescopio ten un elevado prezo.