Tecido adiposo marrón
From Wikipedia, the free encyclopedia
O tecido adiposo marrón, tamén chamado graxa marrón ou parda[1], é un dos dous tipos de tecido adiposo; o outro é o tecido adiposo branco (ou graxa branca), que é máis abundante.[2] O tecido adiposo marrón atópase en case todos os mamíferos.
Brown adipose tissue | |
---|---|
Tecido adiposo marrón dunha muller mostrado nun exame de FDG PET/CT | |
Latín | textus adiposus fuscus |
A clasificación da graxa marrón comprende dúas poboacións celulares distintas con funcións similares. A primeira ten unha orixe embriolóxica común coas células musculares, e atópase nos depósitos corporais "clásicos" máis grandes. A segunda desenvólvese a partir de adipocitos brancos que son estimulados polo sistema nervioso simpático. Estes adipocitos encóntranse intercalados entre o tecido adiposo branco e tamén se chaman 'beixes' e, na literatura inglesa, tamén brite (do inglés brown in white, marrón en branco[3]).[4][5][6]
O tecido adiposo marrón é especialmente abundante nos neonatos e en mamíferos que hibernan.[7] Tamén está presente e é metabolicamente activo en persoas adultas,[8][9] pero a súa presenza en humanos decrece coa idade.[10] A súa función primaria é a termorregulación. Ademais da calor producida polos músculos ao tremer co frío, o tecido adiposo marrón produce calor por termoxénese sen tremer. A utilización como diana terapéutica da graxa marrón para tratar a obesidade humana é un campo de investigación moi activo.[11][12]
A diferenza dos adipocitos brancos, que conteñen unha soa pinga de lípidos, os adipocitos marróns conteñen numerosas pingas pequenas e un número moito maior de mitocondrias (as cales conteñen ferro), que lle dan ao tecido a súa cor marrón ou parda.[4] A graxa marrón tamén contén máis capilares que a branca. Estes fornecen o oxíxeno e nutrientes que precisa o tecido e distribúen a calor producida polo corpo.