From Wikipedia, the free encyclopedia
Stanisław Marcin Ulam, nado en Lviv o 13 de abril de 1909 e finado o 13 de maio de 1984, foi un científico polacoestadounidense nos campos das matemáticas e da física nuclear. Participou no Proxecto Manhattan, orixinou o deseño Teller–Ulam das armas termonucleares, descubriu o concepto do autómata celular, inventou o método Monte Carlo da computación e suxeriu a propulsión de pulso nuclear. Nas matemáticas aplicadas e puras, probou varios teoremas e propuxo varias conxecturas.
Nado no seo dunha familia rica xudía polaca, Ulam estudou matemáticas no Instituto Politécnico Lwów, obtendo o seu doutoramento en 1933 baixo a supervisión de Kazimierz Kuratowski. En 1935 John von Neumann invitouno ó Institute for Advanced Study de Princeton, Nova Jersey. Dende 1936 ata 1939 pasou os veráns en Polonia e o resto do ano na Universidade Harvard en Cambridge, Massachusetts, onde traballou para establecer resultados da teoría ergódica. O 20 de agosto de 1939 partiu cara ós Estados Unidos dende Polonia por última vez xunto ó seu irmán máis novo Adam Ulam. Pasou a traballar como profesor asistente na Universidade de Wisconsin–Madison en 1940, e obtivo a cidadanía estadounidense en 1941.
En outubro de 1943 recibiu unha invitación de Hans Bethe para unirse ó Proxecto Manhattan no Laboratorio de Los Alamos en Novo México. Alí traballou en cálculos hidrodinámicos para predicir o comportamento das lentes explosivas necesarias para unha arma nuclear de implosión. Foi asignado ó grupo de Edward Teller, onde traballou na bomba Super para Teller e Enrico Fermi. Trala guerra pasou a traballar como profesor asociado na Universidade de California do Sur, volvendo a Los Alamos en 1946 para traballar no deseño de armas nucleares. Coa axuda dun persoal composto por mulleres "computadoras", incluíndo a súa muller Françoise Aron Ulam, atopou que o deseño de Teller para o "Super" era inviable. En xaneiro de 1951 Ulam e Teller definiron o deseño Teller–Ulam, que se converteu na base das armas termonucleares futuras.
Ulam considerou o problema da propulsión nuclear dos foguetes, investigada no Proxecto Rover, e propuxo como alternativa ó foguete termonuclear o aproveitamento de pequenas explosións nucleares para a propulsión, o que se convertería no Proxecto Orion. Xunto a Fermi, John Pasta e Mary Tsingou, Ulam estudou o problema Fermi–Pasta–Ulam–Tsingou, que se convertería en inspiración para o campo da ciencia non linear. É máis coñecido pola realización de que as computadoras electrónicas facían práctica a aplicación de métodos estatísticos a funcións sen solucións coñecidas, e durante a evolución das propias computadoras o método Monte Carlo pasou a ser un método habitual e estándar para moitos problemas.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Stanisław Ulam |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.