Sonda Viking
From Wikipedia, the free encyclopedia
En 1968, proxectouse a misión da sonda Viking a Marte. As dúas sondas xemelgas 1 e 2 dividíanse cada unha nun orbitador e un aterrador. Este último descendería á superficie marciana para realizar varios experimentos entre os que destacaban tres experimentos biolóxicos (inicialmente eran catro, pero foron reducidos a tres). A fiestra de lanzamento elixida foi a de 1973, pero un recorte orzamentario impediu o seu lanzamento, que se pospuxo ata 1975.
| ||||||||||||||
|
O nome inicial da misión era Voyager (viaxeiro) pero creuse que era mellor reservalo ás sondas que sulcarían algúns anos despois o sistema solar exterior. Elixiuse o nome Viking (viquingo) en recordo de Leif Eriksson que chegou polo ano 1000 ás costas canadenses.
O proxecto foi moi caro e nuns tempos en que o orzamento da NASA era máis amplo debido o Programa Apollo. Custou 3.500 millóns de dólares, involucrando a 10.000 persoas.
O foguete elixido para os lanzamentos foi inicialmente o Saturno I, pero a NASA decidiu entón que non había suficientes misións para a liña de produción deste foguete. A segunda opción o enorme Saturno V resultaba moi caro e ademais a súa capacidade de enviar a Marte unha carga de pago era de algo máis de 30 toneladas, bastante máis do que precisaba a misión e foi rexeitado polo congreso en 1967.
A pesar da guerra de Vietnam aínda coleando e o programa Apollo absorbendo gran cantidade de recursos, o tremendo éxito do Mariner 9 abría grandes expectativas para a exploración. O programa rebautizado como Viking conseguiu fondos suficientes e elixiuse a fiestra de lanzamento de 1975. É certo que algo tivo que ver no financiamento do proxecto a rivalidade das dúas superpotencias en acadar unha aterraxe en Marte con éxito. Os soviéticos estaban desesperados en conseguilo, intentárono en 1971, 1973 e 1975 con sonoros fracasos, polo que se abría agora a carreira por Marte.
No terreo puramente técnico escolleuse un módulo de descenso de tres patas parecido ao módulo lunar, existían algunhas razóns que aprobaban esta decisión pero confiouse nun deseño probado. Os custos disparáronse ao aumentar ata un 16% a inflación pola crise do petróleo e un 25% no sector aeroespacial. Desenvolveuse unha nova configuración do vector Titán 3-Centaur, un lanzador potente dado o considerable peso dos vehículos, uns 3.400 kg cada un entre orbitador e aterrador.
Outro dos problemas foi engadir nun exiguo espazo de 1 pé cúbico (uns 28 litros de volume) os experimentos biolóxicos, que foron encargados á empresa TRW, que finalmente resolveu este reto tecnolóxico, altamente complexo, non sen antes cuadruplica-lo custo inicialmente presupostado. O 20 de agosto e o 9 de setembro de 1975 o Viking I e o II foron lanzados con éxito.
Os Lander (aterradores) estiveron alimentados electricamente por xeradores termoeléctricos de radioisótopos (RTG), o que alongou a súa vida útil prevista nun mínimo de 90 días, ata o 13 de novembro de 1982, no caso do Lander 1 e ata o 11 de abril de 1980 no caso do segundo Lander.
Os catro experimentos biolóxicos foron reducidos a tres, en detrimento do encargado na dispersión da luz. Os tres experimentos restantes adecuáronse ao que se creu que se podía atopar como "vida". Descubrimentos posteriores no noso planeta revisaron os resultados que se obterían despois. A misión Viking deuse por concluída en 1983. Os orbiters captaron 47.000 fotografías e os lander un total de 1.400.