Somerxíbel (embarcación)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un somerxíbel ou somerxible,[1][2] sumerxible,[3] submerxible ou submerxíbel[4][5][6] (de submersión; en portugués submersível, en castelán sumergible e en inglés submersible) é un pequeno vehículo deseñado para operar debaixo da auga. O termo utilízase a miúdo para diferenciarse doutros vehículos submarinos coñecidos como submarinos, porque o submarino é un buque totalmente autónomo, capaz de renovar a súa propia enerxía e renovar aire, mentres que un somerxíbel é normalmente alimentado por un barco, por unha plataforma, por unha tripulación de costa ou ás veces por un submarino maior. Porén, de uso común polo público en xeral, a palabra submarino pódese usar para describir un buque que, por definición técnica, é en realidade un somerxíbel. Hai moitos tipos de somerxíbeis, incluíndo buques tripulados e non tripulados, tamén coñecidos como vehículos operados a distancia ou ROV (remotely operated vehicles).[7][8] Os somerxíbeis teñen moitos usos en todo o mundo, como en oceanografía, arqueoloxía submarina, exploración oceánica, aventura, mantemento e recuperación de equipos e videografía submarina.[9]