organización From Wikipedia, the free encyclopedia
As Sociedades Económicas de Amigos do País (SEAP) son entidades que xurdiron en España e noutros países, como Irlanda e Suíza, a partir da segunda metade do século XVIII no marco das ideas da Ilustración.
As Sociedades Económicas naceron nos círculos culturais como organismos non estatais que tiñan como fin promover o desenvolvemento de España, estudando a situación económica de cada unha das provincias e buscando solucións aos problemas que nelas houbera. Encargáronse de impulsar a agricultura, o comercio e a industria, e de traducir e publicar as obras estranxeiras que apoiaban as ideas da fisiocracia e o liberalismo.
Moitas persoas, os pensadores liberais e os chamados afrancesados (administradores e pensadores influídos pola chegada da dinastía dos Borbóns, e despois termo despectivo para referirse aos partidarios da ocupación de España por Napoleón), percibiron que España tardaba en desenvolver a súa potencia económica. Lamentaban a falta de industria e a baixa produtividade, e buscaron difundir os avances e o pensamento da Ilustración.
As Sociedades Económicas contaban con licenza real para se constituíren e reuniren, e na súa fundación interviron os sectores máis dinámicos da sociedade: importantes figuras da nobreza e fidalguía e numerosos cargos públicos, da Igrexa, do mundo dos negocios e os artesáns. A primeira en constituírse foi a Sociedade Bascongada de Amigos do País, fundada polo conde de Peñaflorida en 1765.
A primeira Sociedade Económica que se constituíu en España foi a Real Sociedade Bascongada de Amigos do País, fundada polo conde de Peñaflorida en 1765; dez anos despois constitúese, a iniciativa de Campomanes,[1] a Real Sociedad Económica de Madrid.[2]
A primeira en Galicia, e única que perdurou até o día de hoxe, foi a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, promovida por Antonio Páramo e Somoza, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, Luís Marcelino Pereira, Benito Gil Lemus e Antonio Gil Lemus que lle presentaron ao Consello de Castela, o 13 de decembro de 1783, unha petición co obxectivo de que se lles concedese a licenza para establecer en Santiago unha Sociedade Patriótica de Amigos do País, baixo o título de Sociedade Económica do Reino de Galicia, e o 24 de decembro de 1783 o rei Carlos III expide a Real Cédula pola que aproba a constitución da Sociedade Económica de Santiago e non do Reino de Galicia (como se solicitara) por considerar que se podían fundar outras en Galicia, como así aconteceu, aínda que tiveron pouca duración, polo que a de Santiago é a única que existe hoxe en Galicia. Os fundadores da Sociedade remitíronlle á súa vez un oficio ao alcalde de Santiago, Pedro María de Cisneros, conde de Ximonde, o 2 de xaneiro de 1784, no que solicitaban que se lles proporcionase a peza suficiente para poder celebrar nela as súas xuntas, e que apoiase o establecemento da nova Sociedade.[3]
As mulleres non conseguiron ser aceptadas ata 1787 nas Reais Sociedades Económicas, e as intelectuais deste período eran denominadas despectivamente bachilleras.[4] [5] Entre elas Josefa Amar y Borbón que pertenceu á Real Sociedad Económica Aragonesa e á Junta de Damas de Honor y Mérito, Mari Carrillo da Sociedade Económica de Santiago de Compostela[4] e María Reguera, quen non foi admitida na Real Sociedade de Lugo, pero realizou a lectura dun discurso na defensa da educación en 1788.[5]
A principios do século XIX xa funcionaban 63 sociedades nas principais cidades de España e Indias.
Do mesmo modo que na Península, formáronse outras Sociedades de igual tipo nos territorios coloniais da América hispana como Chile,[6] Nova Granada [7] Guatemala, Cuba,[8] Porto Rico, Ecuador, México, Perú, Panamá e Venezuela. Nestes lugares, a misión de fomentar a industria chocaba cos ditames do mercantilismo, que enfatizaba a primacía da industria da metrópole: as colonias deberían comprar os produtos manufacturados en España. Ademais, na cultura máis conservadora da América española, a misión de propagar a Ilustración encontrou un camiño máis difícil, e a censura oficial.
Porén, certos membros das Sociedades atrevéronse a traer varios libros prohibidos desde Europa, incluso da mesma España onde, por exemplo, podíase comprar a Enciclopedia de Diderot, lbros que se compartiron entre os membros das Sociedades.
Certo é que que varias das Sociedades de América nunca foron máis que o proxecto dalgún aristócrata afeccionado, ou unha imitación dunha novidade metropolitana. Pero, con todo, varias Sociedades destacaron nas súas actividades, publicando ensaios sobre novos desenvolvementos no mundo agropecuario, avogando polo libre comercio (cando os comerciantes españois metropolitanos conservaban o seu monopolio). A de Antigua, Guatemala foi pechada varias veces por orde do Intendente, por actividades supostamente políticas. E a da Habana aínda existe hoxe en día.[8] De maneira que se pode ver no traballo destas Sociedades un antecedente importante do proxecto de emancipación que naceu despois do cativerio en Francia do rei Fernando en 1810.
En España, e no novo mundo, as Sociedades foron berces de novas formas de sociabilidade onde os seus membros se reunían en público para debater os temas do día. Nestas reunións participaban persoas de distintas clases sociais. As Sociedades adoitaban organizarse formalmente, conservando rexistros das actividades de cada reunión, elixindo persoeiros (presidente, secretario etc.) para as funcións oficiais do grupo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.