Entrecruzamento cromosómico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O entrecruzamento cromosómico, tamén chamado sobrecruzamento, crossing over ou crossover, é o intercambio de material xenético entre cromosomas homólogos que orixina cromosomas recombinantes. É unha das fases finais da recombinación xenética, que ten lugar durante o paquiteno da profase I da meiose nun proceso chamado sinapse cromosómica. A sinapse empeza antes de que se forme o complexo sinaptonémico, e non se completa ata case ao final da profase I. O entrecruzamento xeralmente ocorre cando rexións homólogas de cromosomas homólogos rompen e despois reconéctanse pero co outro cromosoma homólogo.
O entrecruzamento foi descrito teoricamente por Thomas Hunt Morgan, que se baseou no descubrimento feito polo profesor belga da Universidade de Lovaina Frans Alfons Janssens que describiu en 1909 un fenómeno cromosómico que chamou "quiasmatipia". O termo quiasma está moi relacioado co entrecruzamento. Morgan decatouse da grande importancia da interpretación citolóxica de Janssens dos quiasmas para explicar os resultados experimentais das súas investigacións sobre a herdanza na mosca Drosophila. A base física do entrecruzamento foi demostrada por Harriet Creighton e Barbara McClintock en 1931.[1]