Sitio de Baler
From Wikipedia, the free encyclopedia
O sitio de Baler foi un asedio ao que foi sometido un destacamento español por parte dos insurrectos filipinos na igrexa da vila de Baler, na illa filipina de Luzón, durante 337 días, entre o 30 de xuño de 1898 e o 2 de xuño de 1899.[1] Desde decembro de 1898, coa firma do Tratado de París entre España e Estados Unidos, púñase fin formalmente á guerra entre ámbolos dous países (que asinaran un cesamento do fogo en agosto) e España cedía a soberanía sobre Filipinas aos Estados Unidos de América.[1] Debido a isto, os asediados en Baler son coñecidos como «os últimos de Filipinas».
Sitio de Baler | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Revolución Filipina | |||||||
| |||||||
Líderes | |||||||
Capitán de Infantaría Enrique de las Morenas y Fossi (†), segundo tenente Juan Alonso Zayas (†), segundo tenente Saturnino Martín Cerezo |
Comandante Teodorico Luna Novicio, tenente coronel Tecson, tenente coronel Cirilo Gómez, coronel Calixto Villacorta | ||||||
Forzas en combate | |||||||
50 | Descoñecida | ||||||
Baixas | |||||||
17 | 700 (entre mortos e feridos) |
En 1896 a sociedade secreta filipina Katipunan iniciou unha insurrección contra o goberno colonial español, pero a finais de 1897, co Pacto de Biak-na-Bató, chegouse á aparente resolución do conflito. Como parte do pacto, Emilio Aguinaldo e outros líderes da revolución exiliáronse en Hong Kong. Nese clima de aparente paz, o goberno español reduciu o número de efectivos destinados nalgunhas das súas guarnicións. A principios de 1898, os 400 homes do destacamento de Baler foron relevados por outro de 50 soldados. O 15 de febreiro, en Cuba, o afundimento do USS Maine serviu de casus belli para o inicio da Guerra hispano-estadounidense. Trala derrota da frota española pola estadounidense en Cavite o 1 de maio, Aguinaldo e os seus, financiados e armados polos Estados Unidos, volveron a Filipinas e reiniciaron a revolución. Ao mes seguinte o destacamento de Baler, descoñecedor do estoupido da guerra cos Estados Unidos e da recentemente proclamada independencia de Filipinas, foi atacado polos revolucionarios filipinos e refuxiouse na igrexa, comenzando así o sitio.
Desde o principio do asedio, as forzas atacantes intentaron en balde a rendición das tropas españolas mediante o envío de noticias, que os informaban do desenvolvemento do conflito entre os españois cos insurrectos filipinos e os invasores estadounidenses. Trala caída de Manila en mans americanas, en agosto, as autoridades españolas mandaron repetidamente misivas e enviados para lograr a súa rendición, igualmente sen conseguilo. Os atacantes tamén enviaron en agosto a dous franciscanos españois que tiñan prisioneiros para que convenceran aos sitiados, sen éxito. Estes, porén, quedaron co destacamento español durante o resto do asedio.
O Tratado de París, que deu por finalizada a guerra entre España e Estados Unidos, asinouse en decembro de 1898, entrando en vigor en abril do ano seguinte. No mesmo e como parte das condicións impostas, España cedía a soberanía sobre Filipinas aos Estados Unidos. En febreiro de 1899 os filipinos, enganados e atacados polos estadounidenses aos que crían aliados, decidiron resistir polas armas, empezando unha nova fase do conflito: a guerra filipino-estadounidense, da que os españois eran xa só espectadores, mentres as últimas tropas eran repatriadas a España. Novos emisarios españois fracasaron no intento de convencer aos sitiados de que depuxeran as armas e volveran a Manila. En abril, as autoridades militares estadounidenses enviaron, a petición española, unha canoneira para liberar o destacamento de Baler, mais as tropas desembarcadas caeron en mans dos filipinos, sen lograr o seu propósito.
A finais de maio, un novo enviado español, o tenente coronel Aguilar, chegou a Baler por orde do gobernador xeral español, con ordes de que os sitiados depuxeran a súa resistencia e o acompañaran a Manila, pero estes volveron a desconfiar e tivo que marchar sen conseguir o seu obxectivo. Porén, ao ollar os sitiados uns xornais deixados na igrexa por Aguilar, descubriron unha noticia que non puidera ser inventada polos filipinos, convencéndose finalmente de que España xa non ostentaba a soberanía de Filipinas e de que non tiña sentido seguir a resistir na igrexa. O 2 de xuño de 1899, o destacamento español de Baler rendeuse dando fin a 337 días de sitio.
As autoridades filipinas aceptaron unhas condicións honrosas de capitulación e permitiron o seu paso, sen consideralos prisioneiros, ata Manila, co presidente filipino Aguinaldo emitindo un decreto no que exaltaba o seu valor. Tras un recibimento con honras na capital filipina, os superviventes foron repatriados a España.