Sinfonía núm. 8 (Mahler)
Sinfonía de Gustav Mahler / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Sinfonía n.º 8 en mi bemol maior de Gustav Mahler, coñecida co sobrenome de der Tausend (dos mil), é unha das obras corais de maior escala do repertorio orquestral clásico. Debido a que require unha enorme cantidade de instrumentistas e coristas, é denominada frecuentemente "Sinfonía dos mil", aínda que a obra adoita interpretarse con menos de mil intérpretes e o propio Mahler non aprobou dito sobrenome. A obra foi composta nun único período de inspiración, en Maiernigg no sur de Austria no verán de 1906. Foi a última obra que Mahler estreou en vida e acadou un grande éxito de crítica e público cando o compositor a dirixiu na súa estrea absoluta na cidade bavaresa de Múnic (Alemaña), o 12 de setembro de 1910.
Sinfonía n.º 8 | |
---|---|
de Gustav Mahler | |
Múnic, setembro de 1910. Último ensaio para a estrea absoluta da Oitava Sinfonía de Mahler, no Neue Musik-Festhalle. | |
Tonalidade | Mi bemol maior |
Xénero | Sinfónico |
Forma | Sinfonía |
Texto | Veni Creator Spiritus, Schluss Szene aus « Faust » |
Lingua | Latín, alemán |
Composición | 1906, Maiernigg |
Publicación | 1912 |
Editorial | Universal Edition |
Gravación | Leopold Stokowski, New York Philharmonic, 1950 |
Movementos | 2 |
Estrea | |
Data | 12 de setembro de 1910 |
Lugar | Múnic |
Director | Gustav Mahler |
Intérpretes | Orquestra Filharmónica de Múnic |
A fusión da canción e a sinfonía fora unha característica das primeiras obras de Mahler. No seu período compositivo "medio" a partir de 1901, un cambio de rumbo levouno a compoñer tres sinfonías puramente instrumentais. A Oitava, que marca o final do período "medio", volta a unha combinación de orquestra e voz nun contexto sinfónico. A estrutura da obra non é convencional; en lugar de seguir a estrutura normal en varios movementos, a obra divídese en dúas partes. A primeira parte está baseada no texto latino dun himno cristián do século IX para Pentecoste, Veni Creator Spiritus (Ven, Espírito Creador) e a segunda parte é un arranxo das palabras da escena final do Fausto de Goethe. As dúas partes están unificadas por unha idea común, a da redención a través do poder do amor, unidade transmitida mediante temas musicais comúns.
Mahler estaba convencido dende o principio da importancia da obra, ao renunciar ao pesimismo que marcara gran parte da súa música, ofreceu a Oitava como unha expresión de confianza no eterno espírito humano. No período que seguiu á morte do compositor, as interpretacións foron relativamente pouco comúns. Porén, dende a metade do século XX en diante, a sinfonía ten sido programada con regularidade nas salas de concertos de todo o mundo, e gravouse en numerosas ocasións. Sen deixaren de recoñecer a súa ampla popularidade, os críticos modernos teñen opinións divididas sobre a obra; Theodor W. Adorno, Robert Simpson e Jonathan Carr encontran o seu optimismo pouco convincente e considérana artística e musicalmente inferior a outras sinfonías de Mahler. Porén, tamén foi comparada -por Deryck Cooke- coa Novena Sinfonía de Beethoven como unha declaración da definición humana do seu século.