Segundo mensaxeiro
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os segundos mensaxeiros son moléculas que reenvían sinais intracelulares que chegaron a receptores da superficie celular, os cales están destinados a outras moléculas situadas no citoplasma ou no núcleo. Reenvían os sinais de hormonas como a adrenalina (epinefrina), factores de crecemento, e outros, e provocan algún cambio na actividade da célula. Os segundos mensaxeiros amplifican moito a forza do sinal.[1][2] Son un compoñente das cascadas de transdución de sinais.
Os segundos mensaxeiros descubriunos Earl Wilbur Sutherland, Jr., polo cal foi galardoado co Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía de 1971. Sutherland decatouse de que a adrenalina (epinefrina) estimulaba as células do fígado para converter o glicóxeno en glicosa, pero que a adrenalina por si soa non podía causar dita conversión. Descubriu que a adrenlina desencadeaba a formación dun segundo mensaxeiro, o AMP cíclico para que puidese ter lugar esa conversión.[3] Os detalles deste mecanismo foron aclarados [4][5] por Martin Rodbell e Alfred G. Gilman, que gañaron o premio Nobel de 1994.
Os sistemas de segundos mensaxeiros poden ser activados e sintetizados por encimas, como as ciclases que sintetizan nucleótidos cíclicos, ou pola apertura de canais iónicos que deixan pasar fluxos de ións metálicos, como o Ca2+. Estas pequenas moléculas únense e activan roteína quinases, canais iónicos e outras proteínas, que continúan a cascada de sinalización.