![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a6/Konkurs_dru%25C5%25BCynowy_m%25C4%2599%25C5%25BCczyzn_na_skoczni_K-120_-_Aleksiej_Romaszow.jpg/640px-Konkurs_dru%25C5%25BCynowy_m%25C4%2599%25C5%25BCczyzn_na_skoczni_K-120_-_Aleksiej_Romaszow.jpg&w=640&q=50)
Salto de esquí
deporte de inverno / From Wikipedia, the free encyclopedia
O salto de esquí é un deporte olímpico de inverno creado en Noruega a principios do século XIX. Espallouse por Europa e América do Norte a principios do século XX principalmente por medio de Sondre Norheim, considerado o pioneiro do esquí moderno.[1][2]
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a6/Konkurs_dru%C5%BCynowy_m%C4%99%C5%BCczyzn_na_skoczni_K-120_-_Aleksiej_Romaszow.jpg/640px-Konkurs_dru%C5%BCynowy_m%C4%99%C5%BCczyzn_na_skoczni_K-120_-_Aleksiej_Romaszow.jpg)
As pistas de salto están clasificadas segundo a distancia que os esquiadores percorren no aire, e ten especificacións sobre a área de saída, a curvatura e a zona de salto. Cada salto é avaliado de acordo coa distancia e o estilo de execución. A puntuación da distancia está en relación ao K-point, liña trazada na área de aterraxe, algúns metros antes do final do outeiro, e que serve como referencia para os saltos. A puntuación de cada xuíz que avalía o estilo pode acadar un máximo de 20 puntos, sendo descontados puntos en caso de erros, imprecisións ou imperfeccións no salto, no voo ou na aterraxe.[3]
A técnica dos saltos evolucionou co transcurso dos anos, pasando de saltos cos esquís paralelos, o corpo curvado cara a adiante ata os cadrís e os brazos estendidos cara a fronte (técnica Kongsberger, a primeira largamente utilizada), ata os saltos cos esquís en forma de V, o corpo enteiramente curvado cara a adiante e os brazos estendidos cara a atrás, xunto ao cóccix (estilo V, a técnica empregada maioritaramente dende comezos da década de 1990).[4]
Deporte maioritariamente masculino durante varias décadas, o salto de esquí comezou a ter gran participación feminina na década de 1990, mais a primeira competición oficial recoñecida pola Federación Internacional de Esquí non tivo lugar ata 1998 en Suíza. Os eventos femininos foron incluídos no Campionato do Mundo de Esquí Nórdico de 2009 e na Copa do Mundo en 2011. Logo dun intento frustrado de incluílo nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2010, as mulleres participaron por primeira vez nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 celebrados en Sochi (Rusia).[5]
Ademais dos Xogos Olímpicos de Inverno, o Campionato do Mundo e a Copa do Mundo, as principais competicións de salto de esquí son o Torneo dos Catro Trampolíns, o Holmenkollen Ski Festival e o Campionato do Mundo de Voo de Esquí. O récord de distancia, rexistrousenun salto do saltador esloveno Peter Prevc, que saltou 250,0 m en 2015, superando o récrod de 246,5 m do noruegués Johan Remen Evensen, que databa de 2011.[6]