From Wikipedia, the free encyclopedia
Robert Ervin Howard, nado en Peaster (Texas) o 22 de xaneiro de 1906 e finado en Cross Plains o 11 de xuño de 1936, foi un escritor estadounidense de aventuras históricas e fantásticas, publicadas principalmente na revista Weird Tales na década de 1930.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Robert Ervin Howard 22 de xaneiro de 1906 Peaster, Estados Unidos de América (en) |
Morte | 11 de xuño de 1936 (30 anos) Cross Plains, Estados Unidos de América (pt) |
Causa da morte | suicidio |
Lugar de sepultura | Greenleaf Cemetery (en) |
Educación | Howard Payne University (en) Brownwood High School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Fantasía |
Lugar de traballo | Cross Plains (pt) |
Ocupación | escritor, escritor de ciencia ficción, guionista, novelista, poeta |
Período de actividade | 1924 - |
Xénero artístico | Novela e conto |
Influencias | |
Pseudónimo literario | Patrick Ervin Steve Costigan Patrick Howard Patrick Mac Conaire Sam Walser John Taverel |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
|
Era fillo de Isaac Mordecai Howard e Hester Jane Ervin Howard. A súa familia viviu en diversas localidades de Texas e o oeste de Oklahoma antes de asentarse en Cross Plains, no centro de Texas, en 1919.
Escribiu historias de varios xéneros, pero a súa creación máis coñecida é a saga de Conan, que apareceu por vez primeira en decembro de 1932 no relato "O fénix na espada" (The Phoenix on the Sword), escrito dez meses antes.
Outros personaxes creados por Howard son o rei Kull of Atlantis, o aventureiro puritano inglés Solomon Kane ou o xefe picto Bran Mak Morn, que loita contra a invasión romana en Britania. Tamén creou a guerreira Red Sonya, malia que este personaxe, orixinalmente creado para un relato situado no século XVI, é máis coñecido debido á súa inclusión na saga de cómics de Conan na década de 1970, onde aparece co nome de Red Sonja.
Howard escribiu outras ficcións históricas. Nunha delas involucra un personaxe ficticio coas loitas de Shirkuh, Shawar e Amalarico polo control de Exipto, e remata na primavera de 1167 cunha batalla de Saladino. Entre as diversas obras de horror, tratou o tema dos zombis e a maxia negra do sur dos Estados Unidos.
Howard coincidiu con outros autores da época como Lovecraft (quen pola súa orixe texana o chamaba "Two-Gun Bob") e Clark Ashton Smith, que influíron na súa obra desde o que se viu chamando o «Círculo de Lovecraft». Así, os protagonistas dalgúns relatos compartían aventuras coas criaturas ideadas por Lovecraft e viceversa.
Tras saber que a súa nai entrara en coma debido á tuberculose, Howard suicidouse a mañá do 11 de xuño de 1936, disparándose na cabeza cun Colt do 38. Faleceu pola tarde, e a súa nai fíxoo o día seguinte. Foron soterrados no cemiterio de Greenleaf, en Brownwood.
As súas obras foron publicadas inicialmente en revistas pulps da época como Weird Tales. Nos seus relatos e novelas fala de mundos onde a mellor solución aos problemas adoita ser a batalla, e decote a recompensa do heroe son o ouro, as alfaias e mulleres fermosas.
As aventuras de Solomon Kane están ambientadas na primeira metade do século XVII.
As aventuras de Solomon Kane foron levadas ao cinema en 2009 na película Solomon Kane, dirixida por Michael Bassett e protagonizada por James Purefoy.
Howard escribiu un só relato sobre Red Sonya de Rogatino, The Shadow of the Vulture, publicado en The Magic Carpet Magazine en xaneiro de 1934. Red Sonya está historicamente situada na primeira metade do século XVI.
Na década de 1970 Roy Thomas e Barry Smith recuperaron o personaxe, modificándoo substancialmente, baixo o nome de Red Sonja, introducíndoa no universo de cómic de Conan the Barbarian.
A maior parte dos relatos de Howard sobre Bran Mak Morn foron editados na revista Weird Tales, se ben algúns non foron publicados en vida do autor.
En vida de Howard só se publicaron dous relatos de Kull, en 1929. Outros nove, ademais dun poema, foron editados posteriormente.
Tamén existe un poema sobre Kull, The King and the Oak.
Relatos publicados en vida do autor:
Relatos de Conan publicados postumamente:
En 1932 Howard compuxo o poema Cimmeria e un ensaio. Tamén se conservan numerosas sinopses inacabadas.
A saga de Conan foi seguida por diversos autores, que ou ben emprenderon o labor de finalizar relatos daquela inéditos ou inconclusos, ou ben escribiron novas novelas ambientadas no universo de ficción que Howard creara para Conan, a Era Hiboria. Entre estes autores están L. Sprague de Camp, Poul Anderson, Lin Carter ou Björn Nyberg, ademais de diversas obras de autores rusos (publicadas pola editorial moscovita Severo-West) e unha serie de catro novelas escritas respectivamente por Richard A. Knaak (autor dunha novela da saga Dragonlance), Loren L. Coleman, J. Steven York e Jeff Mariotte. Robert Jordan tamén creou algunhas historias para este personaxe. outros autores homenaxearon ao heroe en forma de parodia, como nos cómics Groo de Sergio Aragonés ou o personaxe de Cohen the Barbarian que Terry Pratchett creou no universo paródico de Mundodisco.
En 1939 foi publicada, en tres partes (dentro da Weird Tales), a súa novela curta Almuric.
Libremente inspirado nas obras de Howard, o personaxe de Conan foi levado ao cine en dúas películas protagonizadas polo actor austríaco Arnold Schwarzenegger: Conan o bárbaro (1982) e Conan o destrutor (1984). Os produtores da película Red Sonja non puideron obter os dereitos do personaxe, e atribuíron a Schwarzenegger o papel dun personaxe inventado para a ocasión: Lord Kalidor, substituto circunstancial de Conan.
Ademais de ao cinema, o personaxe de Conan foi levado ao cómic, xogos de rol e videoxogos.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Robert E. Howard |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.