Resorción ósea
From Wikipedia, the free encyclopedia
A resorción ósea ou reabsorción ósea é a reabsorción do tecido óseo, é dicir, o proceso no que un tipo de céulas óseas chamadas osteoclastos destrúen o tecido do óso[1] e liberan os minerais, que ten como resultado unha transferencia de calcio desde o tecido óseo ao sangue.[2]
Os osteoclastos son células multinucleadas que conteñen numerosas mitocondrias e lisosomas. Estas son as células responsables da reabsorción do óso. Os osteoclastos están presentes xeralmente na capa externa do óso, xusto por debaixo do periósteo. A adhesión dos osteoclastos á osteona empeza o proceso. O osteoclasto despois induce un pregamento cara ao interior da súa membrana plasmática e segrega colaxenase e outros enzimas importantes no proceso de resorción. Libéranse ao fluído extracelular altos niveis de calcio, magnesio, fosfato e produtos do coláxeno a medida que os osteoclastos fan túneles no óso mineralizado. Os osteoclastos son prominentes na destrución de tecido que se observa na artrite psoriática e en trastornos reumatolóxicos.[3]
O corpo humano está nun constante estado de remodelación do óso.[4] A remodelación ósea é un proceso que mantén a fortaleza do óso e a homeostase iónica ao substituír partes discretas do óso vello por paquetes de matriz proteinácea de nova síntese.[5] O óso é reabsorbido polos osteoclastos e é depositado polos osteoblastos nun proceso chamado osificación.[6] A actividade dos osteocitos xoga un papel neste proceso. As condicións que teñen como resultado un decrecemento da masa ósea poden ser causadas por un incremento da resorción ou unha diminución da osificación. Durante a nenez, a formación do óso excede a resorción. A medida que ten lugar o proceso de envellecemento, a resorción excede a formación.[5]
A velocidade de resorción ósea é moito maior nas mulleres vellas posmenopáusicas debido á deficiencia de estróxenos relacionada coa menopausa.[7] Os tratamentos comúns inclúen fármacos que incrementan a densidade mineral. Os bisfosfonatos, inhibidores de RANKL, moduladores do receptor de estróxeno selectivos (SERMs), terapia de substitución hormonal e a calcitonina son algúns dos tratamentos comúns.[8] O exercicio para manter o peso corporal baixo tende a eliminar os efectos negativos da resorción ósea.[9]