A Revolución Industrial, dende o punto de vista social supón tres grandes cambios que obrigan á Igrexa a replantexarse o seu papel na sociedade:
A Burguesía substitúe á aristocracia -á que pertencía León XIII- como clase dominante na sociedade.
Aparece unha nova caste social: os obreiros. Unha caste que xa non se podía encadrar nas vellas categorías de servos (para o mundo rural) organizados arredor do señor feudal, ou artesáns (para a urbe) organizados en gremios.
Urbanización: a concentración dos medios de produción, as fábricas, que son as grandes creadoras de riqueza comporta o traslado de grandes masas de poboación ás zonas onde están, nacen así as grandes cidades, a poboación comeza a migrar dos pobos ás cidades.
O catolicismo social
Ante a nova situación social que nace da Revolución Industrial, distintos sectores da Igrexa europea tentarán responder a estas novas realidades, nunha liña de actuación que combinará a pastoral co compromiso social e político, así por exemplo:
O sacerdote alemán Wilhelm Emmanuel von Ketteler lidera a resistencia católica contra o movemento social e político chamado Kulturkampf e funda o primeiro partido de corte confesional, o Zentrum.
En Bélxica, o sacerdote Joseph Cardijn, involúcrase no traballo pastoral con xoves obreiros e funda a Xuventude Obreira Cristiá.
A organización das bases católicas
Como novidade desta etapa da historia da Igrexa, o laicado comeza a organizarse fóra das estruturas tradicionais (confrarías, obras pías). Son organizacións aínda cunha forte tutela por parte do clero, pero que irán evolucionando a asociacións máis independentes e incluso en confrontación coa xerarquía:
En 1863, fúndase en Bélxica a primeira Acción Católica, que chegará a ser a grande organización laical da igrexa europea.
En 1874, fúndase en Italia a Obra dos Congresos. Tras diversas vicisitudes, será o xermolo da futura Democracia cristiá italiana.
O pensamento social de León XIII
A encíclica Rerum Novarum hai que inscribila tamén no conxunto das encíclicas de temática social que publicou o papa:
Quod Apostolici Muneris (28 de decembro de 1878)
Libertas (20 de xuño de 1888), sobre a liberdade. De contido primordialmente político.
Longinqua (6 de xaneiro de 1895), dirixida aos católicos norteamericanos. Matiza a a súa postura sobre os sindicatos.
O propio León XIII o confirma ao comezo da encíclica:
Así, pois, debendo Nos velar pola causa da Igrexa e pola salvación común, cremos oportuno, venerables irmáns, (...), facer, respecto da situación dos obreiros, o que xa temos por costume, dirixíndovos cartas sobre o poder político, sobre a liberdade humana, sobre a cristiá constitución dos Estados e outras parecidas, que estimamos oportunas para refutar os sofismas de algunhas opinións.
Estrutura
Introdución: o problema social na actualidade.
1ª parte: exposición negativa:
Crítica da solución socialista do problema social (a loita de clases).
Defensa do dereito de propiedade privada.
2ª parte: exposición positiva. Desde a perspectiva católica di que deben facer:
A Igrexa.
O Estado.
Os interesados: obreiros e patronos.
Conclusión.
Contido principal
Propiedade privada: aínda que non distingue entre bens de consumo e bens de produción, nin matiza axeitadamente todos os seus argumentos. Considera que todos teñen dereito a acceder a ela, incluso a considera como garantía da defensa da dignidade humana do obreiro.
Salario: rexeita a lei da oferta-demanda como criterio para establecer a súa contía. Propón como norma a valoración e dignidade do traballo humano: dunha banda é un medio para a subsistencia e doutra, a persoa deixa unha pegada persoal no traballo. Queda aberta para posteriores documentos un tema que se converterá en típico na doutrina social, se o salario debe ser individual (só ten en conta o traballador) ou familiar (o seu cálculo debe ter en conta as circunstancias familiares do obreiro).
Loita de clases: non a acepta por contraria ao Evanxeo. No seu lugar propón a mutua colaboración entre patronos e obreiros baseada no cumprimento dos dberes propios de cada clase social.
Sindicatos: defende o dereito e a necesidade das asociacións, sexan de só obreiros ou de obreiros e patronos. Inclínase pola existencia de sindicatos confesionais católicos, aínda que non o impón de xeito tallante. Mudará en parte a súa postura na posterior encíclica Longinqua. De calquera xeito, queda un tema aberto sobre o que os papas volverán en documentos posteriores.
Posición ante o capitalismo e o socialismo (tal e como se entendían no século XIX): hai un claro trasfondo antisocialista. Contra a postura socialista dirixe a primeira parte da encíclica. Pero tamén é claramente anticapitalista en tres afirmacións básicas:
A crítica á que a lei oferta-demanda sexa a única norma que rixa toda a economía.
A encíclica está a favor da intervención do estado na economía.
Non pode considerarse ao obreiro como inferior. Máis ao contrario, o único que se fai inferior é o explotador.
O problema social concíbese aínda como problema obreiro-patrón, aínda que co tempo, a doutrina social irá ampliando a súa perspectiva. Fronte á solución socialista que defende que o que fai falla é suprimir a propiedade privada, León XIII pensa que o mellor é xeralizala. E fronte á pretensión de solucionar o problema social polo camiño da loita de clases, a encíclica defende que a harmonía social alcanzarase por medio da colaboración entre Igrexa, Estado e os propios interesados.
Bibliografía
Montero, Feliciano (1983). El primer catolicismo social y la Rerum Novarum en España. Madrid: CSIC.