From Wikipedia, the free encyclopedia
A Reichsmünzordnung (expresión alemá; en galego: "ordenanza imperial sobre a cuñaxe") foi unha tentativa de reforma monetaria que perseguía a unificación das moi diversas moedas en uso ao longo do Sacro Imperio Romano Xermánico no século XVI.[1][2][3]
A ordenanza foi emitida en varios pasos na Dieta de Augsburgo entre a década de 1520 e a de 1560, aínda que non chegou a ser adoptada na súa integridade por todos os príncipes e gobernantes dentro do Imperio.[1][2][3]
A primeira destas ordenanzas foi ditada por Carlos V en 1524 en Esslingen, unha cidade do estado alemán de Baden-Württemberg, e nela declarábase o marco de Colonia como o padrón xeral para os pesos das moedas. Porén, por mor das protestas dos gobernantes máis influentes do Imperio, nunca se aplicou.[2][3][4]
En 1551, o kreuzer foi presentado como padrón da moeda pequena de prata, de xeito que 72 kreuzer equivalían a un florín (gulden) de ouro ou a un guldengroschen de prata, en tanto que 68 facían un tálero. O establecemento dunha moeda de ouro e outra de prata de valor equivalente resultou problemático, xa que o valor da moeda de ouro tendeu a aumentar con respecto ao da de prata. De feito, axiña o florín adquiriu no comercio máis valor que o oficial de 72 kreuzer, o que levou á supresión, en 1559, da proporción estable que vinculaba as moedas de ambos os metais, baixo o imperio de Fernando I. Logo deste cambio, o florín ou gulden pasou a dividirse en 75 kreuzer e presentouse o ducado como unha moeda de ouro adicional. Pola súa banda, o guldengroschen de prata pasou a valorarse en 60 kreuzer, e pouco a pouco foi caendo en desuso en favor do tálero.[1][2][3]
En 1566, a Dieta foi forzada a recoñecer oficialmente a nova organización do sistema monetario que se fora creando os anos precedentes e instituíu o reichstaler (de 29,23 gramos, con prata de 889 milésimas) como a moeda oficial do Imperio, que mantivo tal status ata o inicio do século XVIII.[1][2][3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.