Receptor nicotínico
composto químico / From Wikipedia, the free encyclopedia
O receptor nicotínico (abreviado nAChR polo nome inglés Nicotinic acetylcholine receptors) é o receptor colinérxico que forma canles iónicos activados por ligandos na membrana plasmática dalgunhas neuronas e na porción postsináptica da unión neuromuscular. Como receptores ionotrópicos, os nAChR están unidos directamente á canle iónica e non usan segundos mensaxeiros (a diferenza dos receptores metabotrópicos como os colinérxicos muscarínicos). Os receptores nicotínicos representan o modelo de receptor ionotrópico máis estudado.[1] Existen diferentes isoformas estruturais do receptor, por iso cando non nos referimos a ningunha isoforma específica, preferimos falar xenericamente de receptores nicotínicos.
Do mesmo xeito que outros tipos de receptores colinérxicos, como os muscarínicos, os receptores nicotínicos teñen a acetilcolina (moitas veces abreviada ACh) como o seu ligando endóxeno. A diferenciación das dúas clases de receptores produciuse mediante ligandos non endóxenos: muscarina e nicotina. Os receptores muscarínicos, de feito, son activados (alén da acetilcolina) tamén pola muscarina, pero non pola nicotina; os receptores nicotínicos, pola contra, son activados pola nicotina pero non pola muscarina, e isto explica a denominación.[2]
Nos insectos, o sistema colinérxico está limitado ao sistema nervioso central (SNC).[3] Nos mamíferos, porén, os receptores colinérxicos neuronais atópanse tanto no sistema nervioso central como no periférico, ademais os receptores nicotínicos da placa motora dos músculos somáticos permiten a contracción muscular .