sociedade compostelá adicada ao desenvolvemento do país From Wikipedia, the free encyclopedia
A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (RSEAP de Santiago) é unha das Sociedades Económicas que xurdiron en España e noutros países, como Irlanda e Suíza, a partir da segunda metade do século XVIII no marco das ideas da Ilustración.
Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago | |
---|---|
Tipo | Sociedade Económica de Amigos do País |
Data de fundación | 1783 |
Sede | Santiago de Compostela |
País | Reino de Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Esta sociedades, nacidas nos círculos culturais como organismos non estatais, tiñan como fin promover o desenvolvemento de España, estudando a situación económica de cada unha das provincias e buscando solucións aos problemas que houbera. Encargábanse de impulsar a agricultura, o comercio e a industria, e de traducir e publicar as obras estranxeiras que apoiaban as ideas da fisiocracia e o liberalismo.
Moitas persoas, os pensadores liberais e os chamados afrancesados (administradores e pensadores influídos pola chegada da dinastía dos Borbóns, e despois termo despectivo para referirse aos partidarios da ocupación de España por Napoleón), percibiron que España tardaba en desenvolver a súa potencia económica. Lamentaban a falta de industria e a baixa produtividade, e buscaron difundir os avances e o pensamento da Ilustración.
As Sociedades económicas contaban con licenza real para constituírse e reunirse, e na súa fundación interviron os sectores máis dinámicos da sociedade: importantes figuras da nobreza e fidalguía e numerosos cargos públicos, da Igrexa, do mundo dos negocios e os artesáns. A primeira en constituírse foi a Sociedade Bascongada de Amigos do País, fundada polo conde de Peñaflorida en 1765.
Antonio Páramo y Somoza, Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, Luís Marcelino Pereira, Benito Gil Lemus e Antonio Gil Lemus presentáronlle ao Consello de Castela, o 13 de decembro de 1783, unha petición co obxectivo de que se lles concedese a licenza para establecer en Santiago unha Sociedade Patriótica de Amigos do País, baixo o título de Sociedade Económica do Reino de Galicia, e que se aprobasen os Estatutos que elaboraran para o seu réxime e goberno.
O Consello de Castela, o 22 de decembro de 1783, acordou dar a orde ao concello compostelán para que lle facilitase á Sociedade unha peza da dependencia das súas casas consistoriais, para que puidese celebrar nela as súas xuntas e, ademais diso, solicitou do deán do cabido catedralicio a súa colaboración nos fins desta Sociedade.
O 24 de decembro de 1783 o rei Carlos III expide a Real Cédula pola que aproba a constitución da Sociedade Económica de Santiago e non do Reino de Galicia (como se solicitara) por considerar que se podían fundar outras en Galicia, como así aconteceu, aínda que tiveron pouca duración, polo que a de Santiago é a única que existe en Galicia, co obxecto de fomentar as artes e industrias. Os fundadores da Sociedade remitíronlle á súa vez un oficio ao alcalde de Santiago, Pedro María de Cisneros, conde de Ximonde, o 2 de xaneiro de 1784, no que solicitaban que se lles proporcionase a peza suficiente para poder celebrar nela as súas xuntas, e que apoiase o establecemento da nova Sociedade.
A resposta do alcalde non satisfixo aos fundadores, que viron nela unha maneira de evadirse, poñer tachas e de ningunha maneira unha sincera mostra de colaboración e, por iso, comunicáronlle ao Consello de Castela a resposta do alcalde, e o Consello, mediante dunha orde aclaratoria dirixida ao Concello de Santiago, sinalou de novo o lugar das reunións e o bo camiño que se debía seguir. A sesión inaugural foi o 15 de febreiro de 1784, e o discurso inaugural pronunciouno Antonio Páramo y Somoza, que foi designado director.
Os primeiros anos da Económica estiveron marcados por varias desaparicións e rexurdimentos; tras o seu nacemento oficial en 1784, a mediados de 1789 comeza unha etapa de decadencia, que non permitiu concluír o século con actividades dignas de mención, decadencia provocada principalmente pola desconfianza que provocaba todo o novo e o descoñecido na España daquela época, con inestabilidade política e guerras.
Os outros dous rexurdimentos da Sociedade, antes do definitivo en decembro de 1833, ocorreron nos anos 1813 e 1821, en ambas as ocasións polos intentos das Cortes Extraordinarias (As Cortes de Cádiz) de tratar de revitalizar as sociedades económicas. A restauración definitiva da Sociedade foi a finais de 1833, coa particularidade de que nesta ocasión non foi, como en 1784, unha iniciativa particular, senón que foi de iniciativa Real e promovida polo Concello de Santiago de Compostela, atendendo o mandato real.
O verdadeiro funcionamento da RSEAP de Santiago comezou coa acta de restauración, datada do 28 de decembro de 1833, e a acta de nomeamento da Xunta Directiva, o 29 de decembro dese ano.
A Lei electoral para senadores do ano 1877 concedeulles ás Sociedades Económicas de Amigos do País grande importancia, ao comprendelas entre as corporacións públicas que tiñan dereito a designar senadores, distribuíndo para estes efectos a esas sociedades en cinco rexións, onde cada unha delas tiña dereito a elixir un senador. A rexión 3ª das así creadas, comprendía as Sociedades Económicas de Amigos do País de León, Ribadeo, Liébana, Oviedo, Palencia, Santander, Santiago de Compostela e Zamora.
As actividades da RSEAP de Santiago tiveron unha tónica de cooperación co Concello, a Universidade, o Seminario Conciliar, os bispos das distintas dioceses, o arcebispo de Santiago etc. O rei Afonso XII chegou a presidir unha sesión extraordinaria da sociedade.
En 1884, por iniciativa do membro José Antonio Parga Sanjurjo, a Sociedade Económica comezou as xestións para que Manuel Murguía fose nomeado cronista de Galicia, con remuneración económica, e puidese así rematar a súa Historia de Galicia, a cal ficara interrompida e só se publicaran os dous primeiros tomos en 1865 e 1866. Deste xeito, Murguía acabou editando dous novos volumes en 1888 e 1891 como «cronista xeral do Reino».[1]
Entre as actividades patrocinadas pola Real Sociedade Económica de Santiago pódense citar as exposicións rexionais e a fundación de escolas, entre outras. Por outra parte, o Concello e a Universidade de Santiago participan á Real Sociedade dos festexos e reunións organizados por eles, actos nos que a Económica cooperaba dándolles brillantez coa organización de xogos florais, exposicións de gandos e produtos agrícolas e exhibicións de museos. Estas relacións amosan a grande integración da Real Sociedade na vida local.
En canto á consideración que se tiña da Económica de Santiago no exterior, dános boa proba diso o gran número de informes solicitados pola Administración central e rexional, sobre cuestións como a ensinanza, a industria, os impostos, os monopolios e a agricultura e gandaría. No tocante á influencia da Real Sociedade, é moi significativo que certos reitores da clase obreira galega pediron o apoio da Económica nas súas reivindicacións salariais, ou que os penados de Ceuta pediran a axuda da Sociedade na súa solicitude de indulto ou de rebaixa de condena.
A RSEAP de Santiago era coñecida por organismos estranxeiros, e foi convidada a asistir a exposicións universais en distintos países.
No ano 1984, celebrou a Sociedade o seu bicentenario con varias conferencias e coa convocatoria dun premio literario, ao que se debían presentar traballos de investigación científicos inéditos sobre as actividades da RSEAP de Santiago.
Coincidindo co Ano Santo compostelán de 1993, a RSEAP de Santiago convocou un Congreso de Reais Sociedades Económicas os días, ao que asistiron numerosas das Sociedades Económicas existentes naquel momento en España.
As principais realizacións da Sociedade dirixíronse principalmente a fomentar a agricultura, gandaría, industria, pesca, financiamento, ensino e cultura. Cómpre destacar a súa preocupación pola instrución pública, promovendo numerosas escolas.
Entre os anos 1843 a 1889 a Económica elaborou varios informes, traballos e ditames sobre agricultura, pesca, gandaría, vías de comunicación, cuestións xurídico-administrativas e medios de financiamento. Elaborou unha serie de estudos e traballos encamiñados á difusión do ferrocarril en Galicia, promoveu o establecemento da Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago e contribuíu ao establecemento dunha sucursal do Banco de España en Santiago.
Por iniciativa da Sociedade, celebráronse en Santiago, entre 1864 e 1885 tres Congresos Agrícolas.
Pódese establecer o comezo do desenvolvemento da Biblioteca da RSEAP de Santiago en 1838 pola Real Orde de 11 de maio na que se lle concedían á Económica os libros procedentes dos conventos composteláns tras a desamortización dos seus bens.
Iniciouse esta biblioteca con algúns volumes que xa posuía a Sociedade e estes 807 dos conventos coa seguinte procedencia:
O problema principal para o desenvolvemento da Biblioteca era que non contaba cunha sede propia. En 1897 elaborouse un "Catálogo de libros que existen na Biblioteca da SEAP", no que se incluían 5.600 volumes entre libros, folletos, cadernos, publicacións e revistas.
Neste século XXI, case 10.000 volumes procedentes da Biblioteca da RSEAP están depositados na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela.
|
|
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.