Rafael Leónidas Trujillo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Rafael Leónidas Trujillo Molina, nado en San Cristóbal o 24 de outubro de 1891 e asasinado en Ciudad Trujillo o 30 de maio de 1961, foi un militar dominicano e ditador do seu país, o cal gobernou dende 1930 até o seu asasinato en 1961. Exerceu a presidencia da República Dominicana entre os períodos 1930-1938 e novamente entre 1942-1952, gobernando de forma indirecta durante os períodos 1938-1942 e 1952-1961, valéndose de presidentes aos que manexaba.
Ademais de como El Jefe, era coñecido polos seus seguidores como "El Benefactor" ou "Padre de la Patria Nueva"; tamén era coñecido despectivamente como "El Chivo" ou "Chapitas" (pola gran cantidade de medallas e condecoracións que exhibía no seu uniforme militar).
A súa tiranía[1] historicamente coñecida como a Era de Trujillo, é considerada unha das máis sanguentas do século XX.[2] Estivo caracterizada polo anticomunismo, a represión de toda oposición e polo culto á personalidade. Os seus defensores destacan como aspectos positivos do réxime a restauración da orde pública e o progreso económico do país.
O goberno de Trujillo foi responsable da morte de máis de 50.000 persoas, incluíndo entre 20.000 e 30.000 no Masacre del Perejil.
Trujillo prestou especial atención a mellorar as Forzas Armadas. O persoal militar recibiu xenerosa paga e beneficios baixo o seu goberno e ampliou o número de efectivos, así como os inventarios de equipo. Trujillo mantivo o control sobre o corpo de oficiais a través do medo, o clientelismo e a frecuente rotación de tarefas, que inhibiu o desenvolvemento dos seus seguidores persoais.
O establecemento do monopolio do Estado sobre todas as empresas importantes no país recadou fondos para o estado a través da manipulación dos prezos e a malversación de fondos de Trujillo.
Durante 31 anos, todos os estamentos do Estado funcionaban sen ningunha "violación" da lei. Toda tortura ou condena era borrada, negada. Unha morte era encuberta nun accidente ou os seus supostos autores eran encarcerados.