Pteronura brasiliensis
From Wikipedia, the free encyclopedia
Pteronura brasiliensis, xeralmente chamada na literatura internacional cun nome equivalente a londra xigante[2], é unha especie de animal carnívoro fluvial de Suramérica da familia dos mustélidos, na cal é a especie de maior tamaño, de aí o seu nome, xa que chega aos 1,7 m de lonxitude. A diferenza do que é característico nos mustélidos, a londra xigante é unha especie social que forma grupos familiares xeralmente de tres a oito membros. Os grupos están baseados nunha parella reprodutora dominante, están extremadamente cohesionados e son moi cooperativos. Aínda que xeralmente son pacíficas, a especie é territorial e observáronse agresións entre distintos grupos. É un animal diúrno, activo exclusivamente nas horas de luz solar. É a especie de londra máis ruidosa, e documentáronse dela diferentes vocalizacións que expresan alarma, agresividade e serven para tranquilizar.
Pteronura brasiliensis | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Londra xigante | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
En perigo[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Ptenoura brasiliensis | |||||||||||||||||
Área de distribución da londra xigante |
A área de distribución da londra xigante abrangue a parte central norte de Suramérica, e vive principalmente na cunca do río Amazonas e na rexión do Pantanal.
A súa distribución viuse moi reducida nas últimas décadas e agora é descontinua. Décadas de furtivismo para obter a súa pel aveludada, que chegaron ao seu máximo nas décadas de 1950 e 1960, fixeron diminuír considerablemente as súas poboacións. A especie está na lista das especies en perigo desde 1999 e a súa poboación silvestre estímase que está por debaixo dos 5 000 exemplares. As Güianas son un dos últimos bastións reais para a especie, que tamén ten un menor número de exemplares, pero unha protección significativa na cunca amazónica peruana. É unha das especies de mamíferos máis ameazadas no Neotrópico. A degradación e perda do seu hábitat é a súa maior ameaza actual. A londra xigante é tamén rara en catividade; en 2003, só había en catividade 60 destes animais.[3]
A londra xigante mostra unha serie de adaptacións axeitadas para a súa forma de vida anfibia, como un pelame excepcionalmente denso, unha cola con forma de á, e pés palmados. A especie prefire ríos e correntes de auga doce que adoitan inundarse estacionalmente, e pode tamén atoparse en lagos e mananciais de auga doce. Constrúe grandes campamentos preto das súas áreas de alimentación, limpándoas de gran cantidade de vexetación. A súa dieta é esencialmente piscívora, baseada maiormente en peixes caraciformes e siluriformes, mais tamén come ás veces cangrexos, tartarugas, serpes e pequenos caimáns.[4] Non ten predadores naturais importantes agás os humanos, aínda que debe competir polos recursos alimenticios con outras especies, como as londras da especie Lontra longicaudis e especies de caimáns.