Psicoloxía educativa
estudo da aprendizaxe dentro dos centros educativos / From Wikipedia, the free encyclopedia
A psicoloxía educativa é unha área da psicoloxía especializada no estudo das formas en que se produce a aprendizaxe humana dentro dos centros educativos, a efectividade das intervencións educativas, a aplicación da psicoloxía ao ensino e a aplicación da psicoloxía social naquelas organizacións que teñen por finalidade instruír. Tamén é coñecida como psicoloxía educativa ou psicoloxía escolar, e está vencellada á psicoloxía do desenvolvemento.
Ademais dá soporte a unha ampla gama de especialidades que se sitúan dentro dos estudos educativos, incluíndo a aprendizaxe organizacional, a tecnoloxía educativa, o desenvolvemento de plans de estudos, o deseño educativo, a xestión da aula e a educación especial, e contribúe coas ciencias da aprendizaxe e coa ciencia cognoscitiva, das que toma certos aspectos. Nas universidades, os departamentos de psicoloxía educativa adóitanse encontrar incluídos dentro das facultades de educación, sendo posiblemente o motivo disto a carencia de representación que a psicoloxía educativa ten nos libros de texto introdutorios á psicoloxía.[1]
A corrente que na actualidade recibe maior aceptación considera a psicoloxía educativa como unha disciplina independente, coas súas propias teorías, métodos de investigación, problemas e técnicas,[2] podendo ser en parte entendida por medio da súa relación con outras disciplinas e encontrándose fortemente ligada á psicoloxía, sendo esta relación analogamente comparable á existente entre a medicina e a bioloxía, ou a enxeñería e a física.