Proteína fluorescente verde
From Wikipedia, the free encyclopedia
A proteína fluorescente verde (GFP, do inglés Green Fluorescent Protein) é unha proteína que presenta unha brillante fluorescencia verde cando se expón á luz no espectro que vai do azul ao ultravioleta.[2][3] A proteína fluorescente verde tradicional é a que primeiro se illou procedente da medusa Aequorea victoria, á que lle dá bioluminescencia, aínda que se encontran proteínas fluorescentes verdes en moitos outros organismos mariños.
Proteína fluorescente verde | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estrutura da proteína fluorescente verde de Aequorea victoria.[1] | |||||||||||
Identificadores | |||||||||||
Símbolo | GFP | ||||||||||
Pfam | PF01353 | ||||||||||
Pfam clan | CL0069 | ||||||||||
InterPro | IPR011584 | ||||||||||
SCOPe | 1ema / SUPFAM | ||||||||||
|
En bioloxía celular e molecular, o xene GFP utilízase frecuentemente como un reporteiro da expresión xénica (a súa fluorescencia é indicativa da expresión do xene considerado).[4] Na súa forma modificada foi utilizado para preparar biosensores, e creáronse moitos animais que expresaban a GFP como unha proba experimental de que un xene introducido pode expresarse nun organismo dado. O xene GFP pode introducirse nun organismo e manterse no seu xenoma por medio de cruzamentos, inxección por un vector viral, ou transformación celular. Ata agora, o xene GFP foi introducido e expresado en moitas bacterias, lévedos e outros fungos, peixes (como o peixe cebra), plantas, moscas, e células de mamíferos, incluídas as humanas.
A GFP de Aequorea victoria está composta por 238 residuos de aminoácidos (de 26,9 kDa), e ten o seu maior pico de excitación á lonxitude de onda de 395 nm e outro menor a 475 nm. O seu pico de emisión é a 509 nm, o cal corresponde á porción verde baixa do espectro visible. O rendemento cuántico (QY) de fluorescencia da GFP é de 0,79. A GFP do antozoo Renilla reniformis presenta un só pico maior de excitación a 498 nm.
O Premio Nobel de Química de 2008 outorgóuselles a Martin Chalfie, Osamu Shimomura, e Roger Y. Tsien polo seu descubrimento e desenvolvemento desta proteína fluorescente verde.