![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a8/1b9x_opm.png/640px-1b9x_opm.png&w=640&q=50)
Proteína G
From Wikipedia, the free encyclopedia
As proteínas G, tamén chamadas proteínas que se ligan a nucleótidos de guanosina, son unha familia de proteínas implicada na transmisión de sinais de diferentes tipos de estímulos de fóra da célula cara ao interior da célula. As proteínas G funcionan como interruptores moleculares. As súas actividades están reguladas por factores que controlan a súa capacidade de unirse e hidrolizar a guanosina trifosfato (GTP) a guanosina difosfato (GDP). Cando se unen ao GTP, están "encendidos" (en "on"), e cando se unen ao GDP, están "apagados" (en "off"). As proteínas G pertencen a un grande grupo de proteínas chamadas GTPases.
- Non confundir coa proteína bacteriana G (ver Proteína G (Streptococcus)).
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a8/1b9x_opm.png/640px-1b9x_opm.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/8/8c/Guanosindiphosphat_protoniert.svg/320px-Guanosindiphosphat_protoniert.svg.png)
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/2/2c/Guanosintriphosphat_protoniert.svg/320px-Guanosintriphosphat_protoniert.svg.png)
Hai dúas clases de proteínas G. Unhas son GTPases pequenas monoméricas, mentres que as outras forman e funcionan como complexos de proteína G heterotrimérica. Estas últimas son complexos constituídos por subunidades alfa (α), beta (β) e gamma (γ).[1] Ademais, as subunidades beta e gamma poden formar un complexo estable dímero denominado complexo beta-gamma.
As proteínas G localizadas dentro da célula son activadas polos receptores acoplados á proteína G (GPCRs) que abranguen todo o grosor da membrana. A un dominio do GPCR localizado fóra da célula únense moléculas de sinalización. Á súa vez, un dominio do GPCR intracelular activa a proteína G. A proteína G activa despois unha fervenza de eventos posteriores de sinalización que finalmente causan un cambio no funcionamento da célula. O receptor acoplado á proteína G e as proteínas G traballan xuntas na transmisión de sinais procedentes de moitas hormonas, neurotransmisores, e outros factores de sinalización.[2] As proteínas G regulan encimas metabólicos, canles iónicas, transportadores, e outras partes da maquinaria celular, controlando a transcrición, motilidade, contractilidade, e secreción, as cales á súa vez regulan diversas funcións sistémicas como o desenvolvemento embrionario, aprendizaxe e memoria, e a homeostase.[3]