Premio Medioambiental Goldman
premio internacional anual para os activistas ecoloxistas / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Premio Goldman é un premio que se concede anualmente como recompensa a defensores da natureza e o medio ambiente, repartido en 6 categorías en función da zona xeográfica: África, Asia, Europa, as nacións insulares, América do Norte, América Central e América do Sur.
O premio foi instituído en 1990 polos filántropos Richard N. Goldman (1920-2010) e Rhoda H. Goldman (1924-1996) para amosar que os problemas ambientais son internacionais, para dar atención pública a problemas globais de importancia crítica, para dar recoñecemento a individuos ordinarios que traballan para protexer e mellorar o medio ambiente, e para inspirar a outros para que sigan o exemplo dos gañadores do premio. A primeira cerimonia deste premio, coincidindo co Día da Terra, celebrouse o 16 de abril de 1990.
Richard Goldman fundou a Goldman Insurance Services en San Francisco. Rhoda Goldman era descendente de Levi Strauss.
Os nomeamentos aos premios son enviados por un grupo de institucións que traballen en temas ambientais, ao longo do mundo, e un grupo confidencial de 150 expertos ambientais, de máis de 70 nacións distintas.[1] Os nomeadores traballan sobre unha gran variedade de temas, incluíndo xustiza ambiental, dereitos indíxenas, protección aos recursos ambientais, biodiversidade e conservación, saúde ambiental, manexo de terras, entre moitos outros.
Os gañadores son seleccionados por un xurado interno.[1] Logo de notificados participan nunha xira de 10 días por San Francisco e Washington D. C., para participar na cerimonia de entrega de premios, conferencias e entrevistas.[2] O premio entrégase cada ano durante o mes de abril na cidade de San Francisco, e é considerado como o Premio Nobel da Ecoloxía ou Premio Nobel Verde.[3]
O Premio Goldman axuda a amplificar a voz aos gañadores e proporciónalles:
- Recoñecemento internacional que mellora a súa credibilidade
- Visibilidade mundial aos problemas que defenden
- Soporte financeiro para que poidan seguir loitando para facer realidade a súa visión dunha contorna renovada e protexida
Das persoas ás que se lles outorgou o Premio Goldman, dous foron asasinados pola súa causa: Isidro Baldenegro López de México foi asasinado o 15 de xaneiro de 2017 e Berta Cáceres de Honduras, asasinada o 3 de marzo de 2016.