Potemkin (acoirazado)
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Potemkin (en ruso: Князь Потёмкин-Таврический Kniaz Potemkin Tavricheskii, «Príncipe Potiomkin de Táurica») foi un acoirazado pre-dreadnought ruso que se construíu para a Frota do Mar Negro da Armada Imperial rusa. O buque fíxose famoso polo motín dos seus mariñeiros contra os oficiais en xuño de 1905, durante a Revolución Rusa de 1905. Tempo despois este motín considerouse un primeiro paso cara á Revolución Rusa de 1917 e converteuse nun símbolo revolucionario grazas á película muda O acoirazado Potemkin, dirixida por Sergei Eisenstein en 1925.
Potemkin Knyaz Potiomkin Tavrícheski Panteleimón, Potiomkin Tavrícheski Boréts za svobodu | |
---|---|
Historial | |
Estaleiro | Nikolaiev, Imperio Ruso |
Tipo | Acoirazado pre-dreadnought |
Operador | Armada Imperial Rusa |
Posta en grella | 28 de setembroxul./ 10 de outubro de 1898greg. |
Botado | 26 de setembroxul./ 9 de outubro de 1900greg. |
Asignado | 1905 |
Baixa | Marzo de 1918 |
Destino | Desmantelado en 1923 |
Características xerais | |
Desprazamento | 13 107 t |
Eslora | 115,4 m |
Manga | 22,3 m |
Calado | 8,2 m |
Blindaxe | Blindaxe tipo Krupp • Cinto blindado 229 mm • Cuberta 51 a 76 mm • Torretas 254 mm • Barbetas 107 a 254 mm • Mamparos: 178 mm • Ponte de mando: 254 mm |
Armamento | • 4 canóns de 305 mm (2 × 2) • 16 canóns de 152 mm • 14 canóns de 75 mm • 6 canóns de 37 mm • 5 tubos lanzatorpedos de 381 mm. |
Propulsión | • 2 máquinas de vapor de tripla expansión • 22 caldeiras de carbón Belleville • 2 hélices |
Potencia | 10 600 CV |
Velocidade | 16 nós (29,6 km/h) |
Autonomía | 3200 millas náuticas a 10 nós |
Tripulación | • 26 oficiais • 705 tripulantes e infantes de mariña |
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Despois de que os amotinados buscasen refuxio no porto romanés de Constanza, a armada rusa recuperou o buque e renomeouno Panteleimón. En 1909 o acoirazado afundiu accidentalmente un submarino ruso e en 1911 encalou e resultou gravemente danado. Iniciada a primeira guerra mundial, a finais de 1914 o Panteleimón participou na batalla do cabo Sarych contra buques de guerra do Imperio Otomán. A principios de 1915 bombardeou en varias ocasións fortificacións no Bósforo e nunha delas foi atacado polo cruceiro de batalla turco Yavuz Sultán Selim, aínda que o Panteleimón e outros acoirazados rusos que o acompañaban conseguiron poñelo en fuga antes de que causase danos. O antigo Potemkin quedou obsoleto trala entrada en servizo de novos acoirazados tipo dreadnought a finais de 1915 e en 1918 foi posto na reserva e estacionado en Sebastopol.
O Panteleimón foi capturado cando os alemáns tomaron Sebastopol en maio de 1918 e entregado aos Aliados tralo armisticio, en novembro dese mesmo ano. As súas máquinas foron destruídas en 1919 polos británicos cando se retiraban de Sebastopol, co que querían impedir que os bolxeviques usasen o acoirazado na súa guerra contra os rusos brancos. O buque foi abandonado cando estes últimos evacuaron Crimea en 1920, e finalmente foi desmantelado polos soviéticos en 1923.