Plasma sanguíneo
From Wikipedia, the free encyclopedia
O plasma sanguíneo é o compoñente líquido do sangue de cor amarelada no que están en suspensión as células sanguíneas. Por tanto, non contén células, pero si moitas substancias orgánicas e inorgánicas en disolución. O plasma supón o 55% do volume sanguíneo total.[1] É a parte intravascular (dentro dos vasos) do fluído extracelular do corpo (todos os fluídos que están fóra das células). Está composto principalmente de auga (ata o 95% do volume do plasma), e contén en disolución proteínas (6-8%) (por exemplo, albuminas, globulinas, e fibrinóxeno),[2] glicosa, factores de coagulación, electrólitos (Na+, Ca2+, Mg2+, HCO3-, Cl- etc.), hormonas, e dióxido de carbono.
O plasma serve como medio de transporte de produtos de excreción, nutrientes, gases, hormonas e como reserva de proteínas. Xoga un papel vital no efecto osmótico intravascular que mantén os electrólitos en niveis equilibrados. Protexe o corpo de infeccións (contén proteínas do sistema do complemento e anticorpos) e doutros trastornos sanguíneos.[3]
O plasma sanguíneo obtense por centrifugación (fraccionamento do sangue) a partir do sangue completo con anticoagulante engadido. As células sedimentan no fondo do tubo de centrifugación e no sobrenadante queda o plasma.[4] A densidade do plasma é de aproximadamente 1,025 g/mL.[5]
O soro sanguíneo é plasma sanguíneo que carece de factores de coagulación.[4]
A plasmaférese é unha terapia médica na que se extrae o plasma, trátase e reintégrase ao corpo.
O fluído corporal simulado (SBF) é un plasma sanguíneo sintético consistente nunha solución con similar concentración iónica á do plasma sanguíneo humano. Utilízase normalmente para a modificación superficial de implantes metálicos, e máis recentemente na introdución de xenes alleos nas células.