Piratería
saqueo organizado ou bandolerismo marítimo / From Wikipedia, the free encyclopedia
A piratería ou pirataría é unha práctica que consiste en que unha embarcación ataca a outra co propósito de roubarlle a carga, esixir rescate polos pasaxeiros, convertelos en escravos e moitas veces apoderarse da nave. A súa definición segundo o dereito internacional pode atoparse no artigo 101 da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. A pirataría refírese tamén, desde mediados do século XX a un tipo de accións realizadas en avións que buscan reter pola forza tripulacións e pasaxeiros, así como as propias aeronaves. Outros autores, como Wolfram zu Mondfeld, consideran tamén pirataría os ataques privados realizados desde o mar contra buques e posicións en terra para roubar ou conquistar.
Suxeriuse que "Historia da pirataría" sexa fusionado con este artigo ou apartado (conversa). Para realizar a fusión dos artigos sigue estes pasos. |
Xunto coa actividade dos piratas que roubaban pola súa conta pola cobiza, os corsarios eran mariñeiros contratados para traballar en naves privadas con patente de corso, que atacaban embarcacións dun país inimigo. A distinción entre pirata e corsario é necesariamente parcial, pois corsarios como Francis Drake ou a frota francesa no desembarque da Baía das Mós foron considerados piratas polas autoridades españolas, ao entenderen estas que non existía unha guerra declarada entre as súas nacións. Dispor dunha patente de corso ofrecía certas garantías de ser tratado como soldado doutro exército e non coma un ladrón e asasino, se ben ao mesmo tempo carrexaba certas obrigacións. Os termos filibusteiro e bucaneiro, máis específicos, están relacionados coa piratería no mar Caribe.