![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a3/Aptenodytes_forsteri_-Snow_Hill_Island%252C_Antarctica_-adults_and_juvenile-8.jpg/640px-Aptenodytes_forsteri_-Snow_Hill_Island%252C_Antarctica_-adults_and_juvenile-8.jpg&w=640&q=50)
Pingüín emperador
especie de paxaro / From Wikipedia, the free encyclopedia
O pingüín emperador[2][3] (Aptenodytes forsteri) é unha especie de ave esfenisciforme da familia Spheniscidae, endémica da Antártida, sendo a máis alta e con máis peso de tódalas especies de pingüíns en existencia.[4] Os machos e as femias son semellantes en plumaxe e tamaño, poden acadar entre 110 e 130 cm de altura[5] cun peso de entre 22 a 45 kg.[6] As costas, ás e cabeza son negras, a parte anterior é branca desde as pernas á barriga, o peito é dun ton amarelo pálido e ten dúas manchas á altura dos oídos dun amarelo brillante.[7] Como todos os pingüíns non poden voar, ao ter ás ríxidas e planas e un corpo hidrodinámico particularmente adaptado a un hábitat mariño.[8]
Pingüín emperador | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
![]() Case ameazada[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Aptenodytes forsteri Gray, 1844 | |||||||||||||||||
![]() Distribución do pingüín emperador. |
Aliméntase principalmente de peixes, crustáceos e cefalópodos.[9] Cando caza pode estar mergullado ata 18 minutos, e chegar a unha profundidade duns 535 metros.[10] Desenvolveu varias adaptacións para facilitar este proceso, como unha hemoglobina cunhas características que lle permiten traballar de forma eficaz cun baixo contido de osíxeno, uns ósos sólidos para reducir o barotraumatismo, e unha capacidade de diminuír a actividade do seu metabolismo e deter as funcións de órganos non esenciais.[11]
É a única especie de pingüín que se reproduce durante o duro inverno antártico,[12] facendo viaxes de entre 50 e 120 km sobre o xeo para chegar ás colonias de reprodución, que poden constar de miles de individuos. A femia pon un único ovo que inicialmente é incubado polo macho, mentres a femia retorna ao mar para alimentarse. Tras isto os pais establecen quendas para coidar das crías e ir ao mar a alimentarse. A esperanza de vida destes pingüíns é xeralmente duns 20 anos no seu hábitat natural, aínda que hai datos que indican que algúns exemplares poden vivir ata os 50 anos de idade.[13]